O PP tomba a ILP da Mesa coa que se pretendía garantir a atención en galego

CIG-Banca denuncia que a nosa lingua non terá os mesmo dereitos que castelán, catalán ou éuscaro

Nacional -

Os centros de chamadas manteñen deslocalizados 18.750 postos de traballo en países castelán falantes (o 20% do emprego do sector) e desde alí atenden a clientela do Estado, incluída a galega. A ILP presnetada pola Mesa pola Normalización Lingüística e apoiada pola CIG-Centros de Chamadas demandaba o dereito da clientela a ser atendida en galego cando así o solicite, o cal garantiría atención desde aquí. Porén o PP, con Feixóo a cabeza, votou en contra.

O PP rexeitou así, no Parlamento de Galiza unha Iniciativa Lexislativa Popular que estaba avalada por perto de 30.000 sinaturas.

A CIG-Centros de Chamadas foi impulsora desta iniciativa, consciente do valor engadido do galego na teleatención. A opción de galego garante maior estabilidade no emprego en Galiza e a creación de postos de traballo co retorno de carga de traballo deslocalizada. Así o entenderon tamén milleiros de teleoperadoras e teleoperadores que asinaron a ILP.

Por iso a CIG-Banca denuncia a complicidade dos grandes medios de comunicación que reciben inxentes subvencións da Xunta de Galicia, nalgúns casos para apoiar a normalización do galego (malia que non o usan), pero que decidiron, a maioría, “colaborar coa campaña do Partido Popular para ocultar o debate da ILP e a vergoñenta votación impopular”.

Desde a CIG-Centros de Chamadas aseguran que seguirán dando a batalla tanto en defensa da estabilidade do emprego como contra a deslocalización. “E por suposto por conseguir outras mil primaveras máis para o galego”.

Volver