O PP renuncia a utilizar os Orzamentos 2018 para manter o crecemento, incrementar o emprego e reducir as desigualdades

A débeda pública viva de Galiza supera os 11.500 millóns de euros

Nacional -

Nin o desemprego, nin a pobreza, nin o desenvolvemento económico e industrial merecen unha atención especial no Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018. Unhas contas continuístas tanto no destino dos fondos como nas políticas. Así se desprende do Informe elaborado polo Gabinete de Economía da CIG.

Orzamentos 2018

Os orzamentos e os seus compoñentes (gasto público e impostos) configuran a política fiscal, e nunha comunidade como Galiza practicamente resulta a única ferramenta de política económica que ten o goberno para asegurar e manter o crecemento económico, incrementar o emprego e reducir as desigualdades sociais. O orzamento susténtase nun determinado escenario macroeconómico.

Desde a crise están a agravarse as desigualdades sociais en Galiza: as persoas asalariadas perden participación na renda. E dentro da poboación asalariada están a medrar as diferenzas: un número cada vez máis reducido de asalariados e asalariadas con estabilidade laboral e salarios dignos, e un número cada vez máis elevado con contratos temporais e de escasa duración, e cuns ingresos que non lles permiten vivir do traballo; máis do 20% da poboación en risco de pobreza ou exclusión social, unha porcentaxe moi elevada de poboación parada con moitas dificultades de inserción laboral, etc.

Ante isto, as propostas que se desprenden destes orzamentos son continuístas. Non se aprecia ningunha medida que permita entrever un xiro; máis ben ao contrario, especialmente nas políticas de emprego, onde se aposta claramente por potenciar o emprego autónomo. Os fondos destinados a formación de desempregados/as redúcense, malia existir un número importante de persoas sen emprego con necesidade de se formar, máxime nun momento de profundos cambios tanto produtivos como organizativos. A industria 4.0, a economía colaborativa, etc., están aquí, e cómpre formarse e saber a que nos enfrontamos.

Por que medra a RISGA?

 Medran partidas de carácter máis social, como a RISGA, que nos fan dubidar ben do pasado, ben do presente; é dicir, se tal e como se di desde a Xunta, todo vai mellor, como medra esta partida? Será que estas persoas que agora van acceder á RISGA ata o de agora estaban agardando porque non había fondos e polo tanto vivindo na indixencia; ou, ao contrario do que se di desde o goberno, está aumentando o número de persoas que se atopan nesta situación?

Desde un punto de vista máis económico, un dos datos máis preocupante é a redución dun 21,6% no programa destinado a industria, enerxía e minería.

Ralentización das principais magnitudes macroeconómicas

 O cadro macroeconómico que sustenta a previsión de orzamentos da Xunta de Galiza para 2018 ofrécenos un escenario de ralentización das principais magnitudes macroeconómicas. Porén, tan importante como o crecemento en si, é que este sexa inclusivo. Nestes últimos anos non o foi, e todo indica que 2018 vai seguir na mesma liña.

Os estímulos externos que estes últimos anos impulsaron o crecemento económico (unha política monetaria expansiva que permitiu mellorar as condicións de acceso e custo ao financiamento, e unha rebaixa do tipo de cambio do euro fronte ao dólar, así como a baixada do prezo do petróleo, que permitiu abaratar a produción e consumo de empresas e familias, etc.) son transitorios e, aos poucos, van perdendo efecto, polo que xa se notan na evolución do crecemento da economía.

Logo dunha previsión de rematar 2017 cun crecemento do PIB do 3,1%, estímase que ao longo do ano 2018 o PIB vai estar en 6 décimas menos, rematando o ano cun medre, de media, do 2,5%. Esta ralentización do crecemento do PIB comporta, así mesmo, un menor medre do emprego: 1,7% máis de empregos equivalentes a tempo completo, fronte ao 1,9% en 2017.

O maior contributo a este crecemento da economía vén propiciado pola achega da demanda interna, 1,9 puntos (1,7 no ano 2017), xa que a demanda externa ralentiza o crecemento debido ao forte incremento das importacións que vai atenuar o previsíbel medre das exportacións.

Cadro macroeconómico.

 

2017

2018

Gasto en consumo final

1,4

1,5

 Consumo fogares

1,2

1,4

 Consumo AAPP

2

1,7

Formación bruta de capital

3,2

4

Achega demanda interna

1,7

1,9

Exportacións

4,6

5,7

Importacións

2

4,6

Achega sector exterior

   

Produto Interior Bruto

3,1

2,5

     

Emprego

1,9

1,7

Taxa de paro

15,7

14,2

Fonte: Proxecto de Orzamentos 2018.

Dentro da demanda interna, prevese un importante medre da formación bruta de capital. Tamén o consumo dos fogares se incrementa en maior medida que no ano 2017. E é, polo tanto, o consumo público o único que atenúa o seu crecemento con respecto a 2017.

Pagamento da débeda pública

 Neste escenario os orzamentos previstos pola Xunta para 2018 acadan os 10.723,9 millóns de euros, un 2,4% menos que no ano 2017. Unha parte importante destes orzamentos van destinados a operacións financeiras (a máis importante, o pagamento da débeda pública), cantidades que non teñen unha repercusión directa na economía, polo que. se restamos as devanditas cantidades. son 9.487,1 millóns os gastos non financeiros. Estes si medran con respecto aos orzamentos do ano 2017, concretamente un 2,9%.

Este diferencial positivo dos gastos non financeiros débese fundamentalmente a que o novo endebedamento (1.387 millóns de euros) é superior ao destinado a amortizar débeda pública en 2018 (1.075,7 millóns), diferencial destinado a cubrir outros gastos non financeiros da economía galega.

O novo endebedamento para o ano 2018 acada os 1.387 millóns de euros, un 31,7% inferior ao do ano 2017, cando a Xunta se endebedou por valor de 2.030 millóns de euros.

Os restantes capítulos de ingresos distribúense como segue:

Capítulos

2017

2018

Variación 18/17

I. Impostos directos

    2.335,03

    2.275,28

     - 2,6

II. Impostos indirectos

    3.323,66

    3.456,20

         4,0

III. Taxas, prezos e outros ingresos

      168,70

      168,50

     - 0,1

IV. Transferencias correntes

    2.517,20

    2.815,30

        11,8

V. Ingresos patrimoniais

        8,90

        8,30

      -6,7

TOTAL OPERACIÓNS CORRENTES

    8.353,60

    8.723,80

         4,4

VI. Alleamento de investimentos reais

        7,00

       10,60

        51,4

VII Transferencias de capital

      561,00

      559,40

     - 0,3

T. INGRESOS NON FINANCEIROS

    8.921,70

    9.293,90

         4,2

VIII. Activos financeiros

       29,80

       42,90

        44,0

IX. Pasivos financeiros

    2.030,66

    1.387,00

    - 31,7

TOTAL INGRESOS FINANCEIROS

    2.060,50

    1.430,00

     - 30,6

TOTAL INGRESOS

   10.982,22

   10.723,90

   - 2,4

Fonte: Proxecto de Orzamentos 2018. Millóns de euros.

A evolución dos capítulos é moi dispar. Así, xunto á forte caída dos ingresos derivados da débeda (un 31,7% menos), é de salientar a caída de ingresos vía impostos directos, xa que se prevén uns menores ingresos procedentes deste capítulo dun 2,6%.

Impostos directos e indirectos

 A redución na recadación dos impostos directos débese, en parte, ás modificacións da escala autonómica do IRPF en Galiza para 2016, e mais ás reformas no imposto sobre sucesións e doazóns. Estas modificacións tributarias impiden ver a incidencia da redución da masa salarial na recadación tributaria.

A recadación de impostos indirectos medra un 4% con respecto á prevista en 2017. Dentro deste capítulo, o peso máis importante corresponde á recadación a través do IVE, cuns ingresos un 5,6% superiores aos do ano 2017.

O capítulo IV -transferencias correntes- medra un 11,8%, incremento debido maioritariamente ao incremento nun 15% na participación do sistema de financiamento.

Redución en máis dun 50% no Programa Operativo de Emprego Xuvenil

 Dentro deste capítulo IV cómpre salientar a redución, de máis dun 50% no orzamento previsto, no Programa Operativo Emprego Xuvenil (POEX) destinado a persoas mozas, de entre 15 e 29 anos, que non están empregadas, nin participan en actividades de educación e formación . para o ano 2017 estaban previstos 18,2 millóns de euros, para 2018 redúcese a 8,7 millóns.

 

Porén, é a redución no endebedamento -643 millóns de euros menos que en 2017- o que ten unha maior incidencia na caída global do orzamento, que, como dixemos ao principio, se reduce en 258 millóns de euros.

Desta redución o capítulo de gasto máis afectado é o IX -pasivos financeiros-, capítulo que inclúe a amortización de débeda pública. Durante o ano 2018 estímase destinar 1.075,75 millóns a este fin, un 33,1% menos que no ano 2017.

Ao ser o destinado a amortizar débeda inferior ao novo endebedamento, a parte excedentaria vaise espallar polo resto dos capítulos; de aí que os gastos non financeiros medren, concretamente un 2,9%. O endebedamento neto aumenta en 311,3 millóns de euros.

Con estes datos, a débeda pública viva de Galiza supera os 11.500 millóns de euros; como vemos, superior ao orzamento para 2018 e en torno ao 20% do PIB (cando en 2009 Feijoo chegou ao goberno da Xunta, esta estaba en torno ao 8,6% do PIB).

Os demais capítulos de gasto evolucionan como segue:

Gasto por capítulos.

Capítulo

       2.017

       2.018

Variación 18/17

I. Gastos de persoal

    3.681,08

    3.762,26

         2,2

II. Gastos en bens correntes e de servizos

    1.634,46

    1.724,27

         5,5

III. Gastos financeiros

      234,74

      169,72

      - 27,7

IV. Transferencias correntes

    2.161,28

    2.222,06

         2,8

TOTAL OPERACIÓNS CORRENTES

    7.711,58

    7.878,31

         2,2

V. Fondo de continxencia

       37,45

       39,04

         4,2

VI. Investimentos reais

      841,24

      881,44

         4,8

VII.Transferencias de capital

      631,32

      688,32

         9,0

OPERACIÓNS DE CAPITAL

    1.472,55

    1.569,77

         6,6

T. GASTOS NON FINANCEIROS

    9.221,59

    9.487,13

         2,9

VIII. Activos financeiros

      152,45

      161,08

         5,7

IX. Pasivos financeiros

    1.608,17

    1.075,75

     - 33,1

TOTAL GASTOS FINANCEIROS

    1.760,62

    1.236,84

      - 29,7

Total xunta

   10.982,22

   10.723,97

        - 2,4

Fonte: Proxecto de Orzamentos 2018. Millóns de euros.

Como se comentaba anteriormente, son os gastos financeiros os que presentan o maior descenso; tanto os de amortizar débeda (-33,1%) como os derivados desta: os gastos financeiros (capítulo III), en que se prevé unha redución do 27,7%. Así, son 65 os millóns que a Xunta “aforra” en gastos financeiros grazas aos baixos tipos de xuro que nestes intres ten que pagar polo diñeiro.

Se á amortización de débeda se suman os gastos financeiros derivados desta, entrambos os capítulos alcanzan preto do 12% do total do orzamento, porcentaxe sensibelmente inferior á de anos anteriores.

“Para o goberno o persoal do SERGAS é simplemente un gasto”

 Os gastos de persoal medran previsibelmente en torno ao 2,2%, xa que, ao non estaren aprobados os Orzamentos do Estado, esta partida -como moitas outras- está aínda pendente. Neste incremento estaría incluído tanto o medre salarial dos traballadores/as xa existentes dependentes da Xunta, como os incrementos de cadro de persoal, que en principio parece que van afectar fundamentalmente a sanidade, xustiza e ao Consorcio.

No caso concreto dos gastos de persoal do SERGAS, a propia lei  de orzamentos, limita esta posibilidade; ao, no artigo 14, ligar a cobertura das ausencias do persoal : “adecuándose aos principios de responsabilidade na xestión no gasto, atendendo á situación económica e o cumprimento da sustentabilidade financeira”.

Así, para o goberno o persoal do SERGAS é simplemente un gasto,o valor do seu traballo para garantir unha boa saúde  da poboación e unha boa calidade de vida, simplemente non conta.

Na vertente dos gastos, máis interesante quizais que analizalo por capítulos é facelo por funcións.

Grupos de función

2017

2.018

Variación 18/17

1. Servizos de carácter xeral

267,0

282,0

5,6

Alta dirección da CA

36,4

37,1

1,9

Administración xeral

68,8

75,3

9,4

Xustiza

135,4

146,1

7,9

Administración local

13,2

13,8

4,5

Normalización lingüística

7,0

7,6

8,6

Procesos electorais e órganos de representación política

5,9

2,0

      - 66,1

2. Protección civil e seguridade cidadá

25,5

24,9

       -  2,4

Protección civil e seguridade

25,5

24,9

       - 2,4

3. Protección e promoción social

948,6

978,1

3,1

Acción social e promoción social

696,7

727,2

4,4

Promoción do emprego e inst. do merc de traballo

247,3

245,8

      - 0,6

Cooperación exterior

4,5

5,0

11,1

4.- Prod. de bens púb. de carácter social

6.210,7

6.404,8

3,1

Sanidade

3.729,5

3.858,8

3,5

Educación

2.236,9

2.280,6

2,0

Cultura

64,6

69,0

6,8

Deportes

19,2

21,9

14,1

Vivenda

57,7

69,0

19,6

Outros servizos comunitarios e sociais

102,5

105,2

2,6

5.- Prod. de bens públicos de carácter ec.

860,8

911,5

5,9

Infraestruturas

301,7

340,7

12,9

Ordenación do territorio

17,4

19,1

9,8

Promoción de solo para actividades econ.

35,4

23,9

     - 32,5

Actuacións ambientais

121,5

124,7

2,6

Actuacións e valorización do medio rural

140,2

137,4

     - 2,0

Investigación, desenvolvemento e innovación

140,5

158,2

12,6

Sociedade da información e do coñecemento

99,2

102,6

3,4

Información estatística básica

4,3

4,4

2,3

6.-Regulación económica de carácter xeral

81,9

86,7

5,9

Actuacións económicas xerais

31,0

31,4

1,3

Actividades financeiras

50,8

55,3

8,9

7.-Reg. económica de sectores prod. e desen. empresarial

638,1

683,0

7,0

Dinamización económica do medio rural

296,0

311,5

5,2

Pesca

93,5

99,3

6,2

Industria, enerxía e minería

59,3

46,5

     - 21,6

Desenvolvemento empresarial

122,9

149,2

21,4

Comercio

16,5

18,2

10,3

Turismo

49,5

58,1

17,4

8.-Transferencias a entidades locais

127,0

130,4

2,7

Transferencias a entidades locais

127,0

130,4

2,7

9.-Débeda pública

1.822,2

1.222,1

    - 32,9

Débeda pública

1.822,2

1.222,1

     -  32,9

TOTAL

10.982,2

10.723,9

     -   2,4

Fonte: Proxecto de Orzamentos 2018. Millóns de euros.

Por grupos de funcións o máis importante cuantitativamente é o 4, produción de bens públicos de carácter social, xa que nel están incluídos sanidade e educación, que en conxunto absorben preto do 60% do total do orzamento.

Sanide e Ensino tras do regueiro de privatizacións

 Para o ano 2018 estímase un incremento do 3,5% en sanidade e un 2,2% en educación.

Para 2018 son 3.858 millóns os destinados a sanidade. Logo de 4 anos consecutivos medrando esta partida, sitúase en valores semellantes aos anteriores a 2009, é dicir, o orzamento para 2018 é semellante ao de hai 10 anos. Polo medio quedaron privatizacións, medicamentos fóra do sistema, etc. E unha poboación cada vez máis envellecida e polo tanto con maiores necesidades sanitarias.

Ao sistema educativo prevese destinar 2.280,6 millóns de euros. Neste caso, e a pesar de levar 3 anos medrando esta partida, os valores aínda son inferiores aos do ano 2010. Polo medio quedan peches de colexios, incrementos do número de alumnos por profesor, etc. E unha reforma educativa que supón gasto.

Redución da partida destinada a promoción de emprego

 Se cuantitativamente o grupo máis importante é o 4, cualitativamente para o sindicato o grupo 3 resulta o de maior importancia, xa que inclúe os programas de acción e promoción social, así como os de promoción do emprego.

Evolución do grupo funcional 3. Datos en millóns de euros.

 

2009

2010

2011

2012

2013

2014

2015

2016

2017

2018

3. Protección e promoción social

1.000

1.033

975

952

768

752

768,4

856,6

948,6

978,1

Acción social e promoción social

568

637

613

606

562

565

571,2

642,6

696,7

727,2

 Promoción do emprego e inst. do merc de traballo

420,2

386,8

354,4

339

202

183

193,1

209,9

247,3

245,8

Cooperación exterior

12

10

8

6

4

4

4,1

4,1

4,5

5

Fonte: Proxecto de Orzamentos 2018. Millóns de euros.

Malia que en conxunto medran cara a 2018 os fondos deste grupo nun 3,3%, a evolución é distinta entre os subgrupos que o compoñen, xa que mentres o de acción social aumenta, o de promoción de emprego é un 0,6% inferior ao ano 2017.

Preto de 10 anos despois, os fondos destinados a este grupo aínda non acadaron os valores previos á crise, aínda que cunha evolución totalmente desigual. Así, os programas de acción e promoción social dispoñen hoxe de máis fondos que hai 10 anos; entre outros factores, pola posta en marcha, de forma paulatina, da lei de dependencia. En cambio, os programas de emprego aínda están practicamente na medade que antes de crise, a pesar da grave situación laboral que se viviu e que se está a vivir. E cómpre sinalar que a taxa de paro practicamente é hoxe o dobre que no ano 2009.

Dentro dos de protección social, o máis destacado é o programa 312E, que acolle os fondos destinados a dependencia. Para este ano estímase destinar 368,9 millóns, un 8% máis que o previsto para 2017. Aínda así, estase moi lonxe das necesidades reais existentes, pois non debemos esquecer que máis de 22.000 persoas teñen recoñecida a dependencia mais non están percibindo ningún tipo de prestación.

Os fondos destinados á RISGA tamén se inclúen neste grupo. A esta prevense destinar 62,4 millóns de euros no ano 2018, 58 millóns no ano 2017. Nun escenario tan optimista como o que acompaña estes orzamentos, é difícil xustificar un medre destes fondos, xa que, ou ben había hai un importante número de persoas en situación de exclusión social que non estaban sendo atendidas por falta de fondos, ou está medrando o número de persoas en situación de exclusión social. Sexa unha ou outra situación, o que o dato pon de manifesto é que en Galiza están aumentando as persoas en risco de exclusión social, e isto é moi grave.

Conxélanse as partidas destinadas a conciliación, igualdade e protección fronte a violencia de xénero

 A problemática social e laboral das mulleres, desde un punto de vista orzamentario, tamén está incluída neste grupo. Fundamentalmente son 3 os programas que contemplan esta problemática:

  • Apoio á conciliación da vida laboral e persoal, con 1,2 millóns previstos, o mesmo que nos tres últimos anos.
  • Accións para igualdade, protección e promoción da muller, ao cal se prevé destinar 7,2 millóns no ano 2018 (no ano 2017 estaban previstos 6,9 millóns).
  • Protección e apoio as mulleres que sofren violencia de xénero, ao cal se destinan 5,4 millóns (5,2 no ano 2017).

Practicamente podemos falar de conxelación destas partidas, dado que os incrementos previstos son escasos.

Aposta polo emprego autónomo

 Centrándonos nos fondos destinados a promoción do emprego e institucións do mercado de traballo, estes descenden -como anotamos anteriormente- un 0,6%. Dos 247,3 que se destinaron en 2017, prevese reducir a 245,8.

A evolución dos principais programas é como segue:

               
 

2012

2013

2014

2015

2016

2017

2018

Mellora e fomento da empregabilidade

99

40

37,6

50,7

53,5

43,4

45

Promoción do emprego autónomo

54

43

41

37,8

45

77,3

81,3

Formación profesional desempregados/as

98,9

72

68,3

68,2

75

80,4

76,3

Formación profesional de ocupados/as

       

11,2

14,4

Mellora da cualificación do emprego

32,4

6,6

6,6

6

6,5

17

17,6

Fonte: Proxecto de Orzamentos 2018. Millóns de euros.

Non só descenden os fondos destinados a estes programas, senón que se aprecian cambios cualitativos. Se comparamos co ano 2012, último do que temos datos con esta desagregación, os fondos destinados á mellora e fomento da empregabilidade, así como os de mellora da cualificación do emprego, reducíronse á metade, mentres que os de promoción do emprego autónomo practicamente se duplicaron.

Os programas de formación aínda hoxe non acadaron os valores do ano 2012.

A aposta polo emprego autónomo é clara. Por outro lado, a non aposta pola formación das persoas desempregadas tamén é clara; e pola das persoas ocupadas, escasa.

En resumo, podemos falar de continuidade. Continuidade nos fondos e, polo tanto, continuidade nas políticas.

 

Volver