O pasado martes o Pleno da Deputación de Lugo debatía unha moción en apoio ao persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a través da que se reclama a Xunta de Galiza melloras laborais para as traballadoras/es e garantir a calidade dos servizos prestados. Porén, a iniciativa non puido saír adiante polos votos en contra do grupo do PP e do deputado non adscrito.
Unha postura que afeou a delegada da CIG e Presidenta do Comité de empresa de Lugo, Catia Vázquez, quen asistiu á sesión plenaria, xunto con outros/as compañeiros/as da central sindical.
Vázquez lembrou que na provincia o Consorcio conta con 28 centros e arredor de 200 traballadoras e traballadores e nos últimos tempos, o Comité convocou e mantivo xuntanzas con distintos grupos políticos e requiriu do seu apoio para reclamar ante a Xunta de Galiza:
- Aplicar de xeito inmediato o V Convenio do Persoal da Xunta a todo o persoal do Consorcio.
- Garantir en todo momento a continuidade laboral de todas as traballadoras e traballadores do Consorcio.
- Cesar o recorte de calidade dos servizos que se deu nos últimos anos debido a apertura de novos centros co mesmo numero de persoal
Porén, aínda que a moción, presentada a través do grupo do BNG, obtivo o respaldo desta última formación e mais do PSOE, non puido saír adiante pola negativa do PP e o deputado non adscrito.