O PP “agocha nun caixón” a ILP por unha tarifa eléctrica galega aprobada hai máis dun ano por unanimidade

Representantes da CIG, promotora da iniciativa, reuníronse co BNG para reclamar a súa inmediata tramitación
Nacional - 23 Feb 2017

Representantes da CIG, membros da comisión promotora da ILP por unha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética, reuníronse esta mañá no Parlamento de Galiza con representantes do grupo parlamentario do BNG para avaliar a situación de parálise na que está a tramitación desta lei -que foi aprobada por unanimidade dos grupos da cámara- e a folla de ruta a seguir diante desta situación.

Na posterior comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo -que lembrou que a ILP foi aprobada en xaneiro de 2016 (hai máis de un ano)- asegurou non sentirse sorprendido pola paralización da súa tramitación. Si lembrou, porén, a súa sorpresa diante do apoio do PP, que considerou que se produciu daquela por “puro oportunismo político” diante das convocatorias electorais, e pola dificultade de xustificar un voto en contra dunha iniciativa de grande transcendencia social e económica para o país.

O secretario xeral da CIG sinalou que xa se agardaba que o PP intentaría “agochala nun caixón” porque xusto ao mes seguinte de aprobarse no Parlamento, en concreto o 1 de febreiro de 2016, o representante deste grupo, Pedro Puy, remitiu un escrito á Mesa da cámara pedindo que se paralizara o proceso no relativo á presentación de emendas, alegando que era fundamental que, ao ser unha lei moi técnica, se promovera a comparecencia de expertos.

Unha petición que Seixo considerou “pouco habitual” no proceso de tramitación dunha lei e que viña acompañada ademais da solicitude dun informe dos servizos xurídicos da cámara por se puidera haber cuestións que afectaran ao ámbito competencial. Outra petición que tamén considerou rechamante do momento no que esa mesma ILP xa fora informada favorabelmente polos servizos xurídicos para poder ser tramitada, debatida e votada no Parlamento.

Non foi nin nomeada a ponencia

Suso Seixo denunciou ademais que transcorrido un ano non foi nin nomeada a ponencia e que xa se remitiu un escrito ao Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, demandándolle que se preocupara de axilizar a súa tramitación. “Contestou que con quen realmente temos que falar é cos representantes dos grupos parlamentarios na comisión sexta, porque entende que como presidente do Parlamento non debe interferir no traballo desta comisión”, explicou.

Diante desta resposta o secretario xeral da CIG afirmou que “dicir que iso é interferir é máis ben eludir a súa responsabilidade como presidente do Parlamento. De feito imos intentar ter unha reunión con el para aclarar estes feitos”.

 

Pobreza enerxética nun país produtor

Seixo chamou a atención sobre a “enorme transcendencia” económica e social da enerxía eléctrica e lamentou que Galiza, podendo aproveitar os seus recursos enerxéticos para favorecer a industrialización e a competitividade das empresas non o estivera facendo.

A isto engadiu que “é sorprendente que nun país que exporta practicamente o 40% da enerxía eléctrica que producimos se dean dos maiores niveis de pobreza enerxética”, mentres as grandes compañías eléctricas especulan co prezo da electricidade provocando graves consecuencias para as economías das familias, mais tamén para o tecido produtivo, para as empresas.

Produtores de electricidade cunha tarifa máis alta

Ademais denunciou que a raíz dunha sentenza do Tribunal Supremo seremos as galegas e os galegos quen paguemos o suplemento derivado de impostos que poñen as empresas eléctricas naquelas comunidades que somos produtoras, que no caso de Galiza é o canon eólico. “Corremos o perigo de que, sendo os principais produtores do estado, aínda por riba a cidadanía galega vaia ter incluso unha tarifa máis cara que o resto do estado, o que xa sería o colmo dos despropósitos”.

Por iso desmontou o argumentario do PP, que defende unha tarifa única, “respondendo a unha visión totalmente centralista”, e nomeadamente o do PPdG, que considerou de “auténticos colonizados” porque a realidade é que hoxe no Estado español xa non existe unha única tarifa eléctrica, do momento no que no País Vasco xa a teñen diferente.

Apoio do BNG

Por parte do grupo parlamentario do BNG compareceu, xunto a Seixo, a deputada nacionalista Noa Presas, quen se comprometeu, en nome do seu grupo, a levar este debate e promover a tramitación da ILP na cámara. “Intentaremos que o PP e o resto dos grupos atendan a esta demanda para que estea en tres aprobada”, dixo, coa comparecencia de expertos no mes de marzo; a presentación de emendas no mes de abril e a aprobación definitiva da lei no mes de maio.