O Pleno do TS decide sobre o recurso de casación presentado pola CIG contra o ERE da Fábrica de Armas

O expediente de General Dynamics supuxo o peche das instalacións e o despedimento de todo o persoal
A Coruña - 17 Abr 2017

O vindeiro mércores, día 19, reúnese o Pleno do Tribunal Supremo (Sala do Social) para decidir sobre o Recurso de Casación, presentado pola CIG, no cal se solicita a nulidade do ERE de extinción da totalidade dos contratos de traballo da Fábrica de Armas da Coruña (co conseguinte peche das instalacións) e, polo tanto, a readmisión dos 172 traballadores e traballadoras despedidas.

O ERE fora denunciado ante a Audiencia Nacional pola CIG en primeira instancia e, posteriormente, por outra central sindical e o propio Comité da Fábrica da Coruña.
A sentenza foi desfavorábel, mais recoñeceu que había motivos suficientes (que recollía a demanda da central nacionalista) para declarar nulo o ERE.

No Recurso de Casación, desde a CIG solicítase que se declare a nulidade do despedimento colectivo formulado en 2013 por General Dynamics, xa que entende que este non está axustado a dereito e carece de xustificacións económicas, organizativas ou de produción que avalen tal medida.

O recurso formúlase en base á documentación achegada pola empresa que, dende a CIG enténdese que nin está completa, nin se pode contrastar con datos independentes e nin sequera cumpre os requirimentos formais marcados pola lexislación actual.

No relacionado coa decisión de pechar a Fábrica da Coruña, a antiga Sección Sindical da CIG na empresa considera que “os datos sobre os que se sustentou o peche non puideron ser probados e son en boa parte irrelevantes, tendenciosos e cuestionábeis”. De tal xeito que non hai maneira de verificar eses datos, “máis alá do que a empresa afirma, nin do que se presentou no informe preparado para a ocasión por unha consultora”.

Na demanda da CIG desmóntanse os cinco puntos básicos que se utilizan como pretexto para o peche da Fábrica de Armas.

Fronte á falta de xustificacións probadas, que avalaran a necesidade de pechar a Fábrica da Coruña, e a falta de datos contrastados que permitiran valorar as supostas perdas que xeraba esta planta ou que estas serían saneadas co despedimento de todos os seus traballadoras/as, dende a antiga Sección Sindical “reiteramos unha vez máis que a Fábrica de Armas é viábel, que ten as mellores condicións para buscar obra no mercado civil e que de existir vontade política a súa continuidade estaría garantida”.