O pleno do Porriño aproba unha moción de apoio ao persoal de Maderas Iglesias

No texto, presentado polo BNG, ínstase ao Goberno local a iniciar contactos coa dirección para manter o emprego

O Porriño -

O pleno do Concello do Porriño aprobou este mércores unha moción de apoio aos traballadores/as de Maderas Iglesias presentada polo grupo municipal do BNG. No texto, que saíu adiante cos votos de todos os partidos -a excepción do PP, que abandonara a sesión con anterioridade por outra cuestión-, tamén se insta ao Goberno local a iniciar contactos coa dirección da empresa para frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e impedir o peche do centro de traballo do Porriño. A moción foi defendida no pleno polo presidente do comité, Vicente Molares, da CIG.

Seguindo coas xestións institucionais, o BNG tamén presentou este luns unha proposición non de lei para o seu debate no pleno do Parlamento galego e unha pregunta sobre a situación de Maderas Iglesias.

Na primeira insta á Xunta a facer xestións diante da dirección da empresa para frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e procurar a súa viabilidade e continuidade.

Coa pregunta queren saber se ten coñecemento da situación de precariedade e vulneración de dereitos que se vive na compañía dedicada á fabricación de tarima flotante e cales son as xestións que realizou ou prevé realizar para garantir o futuro de Maderas Iglesias.

>>O persoal de Maderas Iglesias convoca protestas diante dos constantes incumprimentos da dirección

Volver