O persoal responde con protestas á política de medo e aos despidos no BBVA

Dende xuño do ano pasado o banco botou á rúa a 50 traballadoras/es
A Coruña - 23 Mar 2017

Traballadores e traballadoras do BBVA mobilizáronse este xoves na Coruña, diante da Dirección Territorial Noroeste da entidade (que engloba Galiza, Asturias e Castela e León) para rexeitar os despedimentos e a política de "illamento" e "medo" que a empresa está a practicar, con ameazas constantes ao persoal de seren incluídos/as "nalgunha lista negra.

Durante a protesta, o Secretario da Sección Sindical da CIG no BBVA, Miguel Fernández, explicou que dende xuño do ano pasado houbo máis de 50 despedimentos na entidade, aos que hai que sumar un número indeterminado de baixas "aparentemente voluntarias" e excedencias “forzadas”. Estes despedimentos, denuncia, "non teñen ningunha base. A empresa alega unha baixada voluntaria da produtividade, pero logo, para evitar ir a xuízo recoñece a improcedencia".

Neste senso, Fernández subliña que o banco obtivo uns beneficios millonarios de 3.475 millóns de euros, pero as ameazas de adelgazar aínda máis o cadro de persoal están permanentemente enriba da mesa "coa finalidade de crear un clima de temor entre as traballadoras e traballadores, que se sigan facendo horas extraordinarias sen retribuír, forzar a cumprir un obxectivos imposíbeis, etc.".

Fronte a isto lembrou que na entidade hai 2.200 directivos/as que perciben unhas "retribucións inmorais", a pesar de "estaren faltos de talento para o posto que desempeñan".

Listas negras e reunións "trampa"

En canto ás presións constantes ao persoal, na concentración advertiuse que hai máis de 600 empregados/as na Rede de Oficinas que forman ou formaron parte da lista de “Baixo Desempeño”. Engaden que esas listas non son obxectivas nin tampouco a definición de produtividade se corresponde co traballo realizado, senón que se decide en función de criterios discrecionais e subxectivos.  

Ao tempo, destacaron que en Servizos Centrais moitos traballadores/as están afectados/as pola reorganización das súas áreas  "sen máis alternativa de futuro que a 'desvinculación' vía despedimento, baixa incentivada ou prexubilación forzosa, en condicións inferiores ás do resto do persoal, pechándolles a porta a posíbeis recolocacións noutros ámbitos da empresa".

Ademais, as organizacións sindicais denuncian que en moitas ocasións, este persoal é vítima dunha “reunión trampa”, na que se atopa illado e sen comunicación, e "na que ten que  decidir en cinco minutos e unha chamada de teléfono se aceptan a oferta de desvincularse ou o despedimento".

"A Dirección do BBVA, a través de recursos humanos, está empurrando os traballadores e as traballadoras, baixo unha presión nunca vista, a abandonar a entidade a través dalgunha medida “voluntaria”, pero que se acaba convertendo nunha expulsión da mesma", critican.

Para enfrontar esta política de medo, a representación sindical acordou levar adiante unha mobilización continuada. O pasado día 16, véspera da celebración da Xunta de Accionistas, os sindicatos mobilizáronse diante da sede do banco en Bilbao. Este xoves, as protestas trasladáronse as sete cabeceiras territoriais.