O persoal municipal de Cariño continúa coas mobilizacións pola aprobación da RPT e a situación insostíbel do SAF

O pleno aprobou unha moción pola que se insta a mesa a solicitar unha mediación para desbloquear a situación
Cariño - 06 Ago 2026

O persoal do Concello de Cariño continuou na tarde deste xoves co calendario de mobilizacións para exixir a negociación e aprobación xa da Relación de Postos de Traballo e reverter a precariedade na que se están a prestar os servizos públicos. A protesta fíxose coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se abordou unha moción de urxencia para tratar o estado da RPT e a modificación substancial dos horarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O texto saíu adiante e o persoal agarda agora que o Goberno cumpra co acordo adoptado.

A moción foi presentada polos grupos municipais do BNG e PSOE, xunto coa Asociación Veciñal do Concello de Cariño e de acordo coa representación sindical de CIG e CCOO, a causa da paralización por parte do Executivo local do calendario de negociacións da RPT e o incumprimento reiterado das sentenzas que obrigan o Concello a negociar e aprobar dito documento. 

A representación da CIG lembra que a última sentenza, emitida polo TSXG a raíz do recurso presentado polo Concello contra a decisión xudicial de primeira instancia, “obriga a negociar e aprobar a RPT con imposición de multas persoais ou denuncia penal á Fiscalía en caso de incumprimento”. Porén, a última reunión da mesa tivo lugar o pasado 8 de xuño e non hai nova data fixada para continuar as conversas.

Neste senso, no texto da moción critícase que nesa xuntanza non se entregou ningunha da documentación solicitada para poder avanzar nun acordo. “Non se negociou o número de postos de traballo a incluír no documento final, cunha proposta imposta polo equipo de goberno que ao noso entender é insuficiente, xa que pretende amortizar postos que nós vemos esenciais manter”.

Situación insostíbel no SAF

Á par da parálise da RPT, o persoal, a oposición e a entidade veciñal tamén poñen a atención na insostíbel situación do SAF que nestes intres está a ser prestado tan só por tres traballadoras das doce en activo, quedando persoas usuarias sen atender cada día.

Hai que lembrar que, en pleno conflito laboral e despois de varias xornadas de folga cun seguimento maioritario, a Alcaldía de forma unilateral e sen ningunha negociación impuxo por decreto uns novos horarios na atención a domicilio. Esta actuación despótica derivou en sentencias xudiciais que condenaron o Concello de Cariño a pagar indemnizacións ás traballadoras do SAF por vulneración de dereitos fundamentais.

Agora, as negociacións para implantar “uns horarios válidos, que respondan ás demandas das persoas traballadoras e usuarias e cumpran coa lexislación laboral están bloqueadas polo equipo de goberno”. “O resultado son persoas maiores sen atención e familias sen resposta”, saliéntase no texto da moción.

Para rachar con este bloqueo, ademais de instar o Goberno municipal a retomar as negociacións, proponse instar a Mesa de Negociación a aprobar a solicitude dun proceso de mediación  externa a través da AGA (Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) para avanzar nas negociacións da RPT e resolver os problemas do Servizo de Axuda no Fogar.

Pleno tenso

A moción saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP nun pleno marcado pola tensión no que a alcaldesa acusou as traballadoras do SAF de mentir no xulgado e, de maneira retorcida, intentou responsabilizalas de que non haxa RPT polas contías das indemnizacións que debe afrontar o Concello pola vulneración dos seus dereitos fundamentais.

Dende o Goberno municipal tamén se  pretendeu culpabilizar a CIG de que non haxa RPT no Concello, esquecendo que o Executivo non convocou a primeira mesa de negociación até decembro de 2024 (malia existir unha sentenza que obriga a negociar e aprobar a RPT e que o xulgado impuxo o pago de multas pola non execución ) e que foi a propia alcaldesa a que paralizou as reunións o 8 de xuño.

Así as cousas, o persoal non se rende e continuará pelexando por unhas condicións laborais e salariais xustas e para que o Concello de Cariño cunha RPT, que é unha obriga legal de todas as administracións públicas.