O persoal lingüista péchase en San Caetano ante a nula vontade negociadora da Xunta e a opacidade sobre as cargas de traballo
A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta bloquea unha negociación efectiva ao non facilitar os datos reais da actividade, das cargas de traballo e de quen as desempeña
O persoal lingüista da Xunta de Galiza vén de pecharse nas instalacións de San Caetano para denunciar a situación na que se atopan, sen negociación efectiva, sen datos reais da actividade que desenvolven, sen información sobre as cargas de traballo e en situación de precariedade.
As negociacións iniciadas o 8 de setembro non achegaron solucións e desembocaron nunha nova proposta de convenio que se trae á mesa o 5 de outubro, e que a central nacionalista considera totalmente inaceptábel para un colectivo de persoal empregado público fortemente feminizado e especialmente maltratado, que xa sufriu numerosos conflitos laborais que derivaron en sentenzas condenatorias para a Xunta do PP, obrigándoa a recoñecerlles o seu vínculo laboral.
A Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude pretende perpetuar a precariedade do persoal asignándolle media xornada e só durante 7 meses ao ano para realizar as funcións de titorización, formación e avaliación dos cursos Celga e de linguaxe administrativa galega (LAG) e linguaxe xurídica galega (LXG).
A RPT recolle 18 postos, só 9 ocupados polas persoas titulares, cunha repartición desequilibrada: 15 na Coruña, 1 en Lugo, 2 en Pontevedra e ningún en Ourense. A Administración aínda non publicou a listaxe complementaria para poder completar a totalidade dos postos fixos e tampouco se creou ningunha listaxe de substitucións. O parche foi que dende o 1 de setembro a Administración lles dobrou a carga de traballo sen ampliarlles a xornada . Así mesmo, este persoal público traballa baixo a coordinación dun empregado alleo á Administración.
A CIG-Administración Autonómica denuncia que a carga de traballo é estrutural e non conxuntural. Proba disto é que se encargan funcións coincidentes a persoal colaborador ao longo de todo o ano: profesorado das EOI, profesorado de secundaria ou persoal da Administración que xa traballa a xornada completa, sen que exista transparencia suficiente sobre a selección, retribucións e custos.
A CIG-Administración Autonómica leva moito tempo denunciando que o desfasamento entre a oferta de formación en galego e a demanda efectiva que fica desatendida ano tras ano é alarmante, e máis na actual situación de emerxencia lingüística, sen que a Xunta faga absolutamente nada para solucionalo.
Un bo exemplo témolo nos cursos de LAG/LXG. En 2026, a EGAP, mediante un convenio coa Secretaría Xeral da Lingua, convocou 1.200 prazas de LAG/LXG fronte a 5.650 solicitudes, o que supón que se deixa sen atender o 78,76 % da demanda , unha porcentaxe semellante á dos anos anteriores. Ademais, parte da formación canalízase a través doutros convenios con entidades privadas que establecen un acceso restrinxido por titulación ou colexiación e matrículas de até 400 euros.
A CIG-Administración Autonómica esixe datos completos, negociación efectiva, postos a xornada completa durante doce meses, reforzo do persoal e formación pública e gratuíta suficiente, e advirte de que, tal e como aconteceu anteriormente, adoptará todas as medidas que correspondan contra o proceder inaceptábel, irresponsábel e hipócrita da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.
A Xunta non pode proclamar o seu compromiso co galego, nin pretender «actualizar» o Plan xeral de normalización da lingua galega mentres precariza a quen o ensina e deixa a demanda de capacitación lingüística do seu propio persoal empregado público sen atender.