O persoal gardacostas solicita o amparo da Valedora do Pobo para que os inclúan no Réxime Especial do Mar

Desenvolven a súa actividade con persoal da empresa privada que, facendo o mesmo traballo, si está incluído
Nacional - 23 Xun 2023

Transcorrido máis dun ano de loita para que se lle recoñeza o dereito a estaren integrados no Réxime Especial do Mar, o persoal gardacostas solicitou esta mañá o amparo da Valedora do Pobo para que exixa ás institucións unha solución e deixen de estar excluídos polo simple feito de ser funcionarios e funcionarias.

Segundo explicou Zeltia Burgos, responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, o servizo de Gardacostas está conformado por un colectivo de 239 traballadores/as, contando cos que dependen da empresa privada. Destes preto de 130 son persoal funcionario: patróns, mariñeiros, axentes ou vixiantes que traballan en embarcacións ou na nosa costa en vixilancia, no control do furtivismo, da contaminación mariña e no salvamento.

Mentres o persoal que depende da empresa privada, desenvolvendo as mesmas actividades que o funcionario, está integrado no Réxime Especial do Mar, este colectivo non. Por iso Burgos denuncia que “polo feito de ser funcionarios, non teñen a mesma protección para a súa seguridade e saúde que a que lles exixe o Instituto Social da Mariña, ademais duns recoñecementos médicos ou uns protocolos específicos”.

Neste sentido, Alexandre Romero, patrón na base de Vilaxoán en Vilagarcía demandou que se acabe con esta discriminación por parte da consellaría e que, “como outros compañeiros que traballan na empresa privada e fan os mesmo labores que facemos nós, teñamos as mesmas condicións que teñen os demais”.

Explicou que o persoal funcionario ten que facer recoñecementos no ISM “cando non pertencemos a el, temos que ir a Capitanía, temos que presentar toda a documentación como calquera embarcación civil pero ao mesmo tempo nos denegan pertencer ao réxime xeral do Mar”.

De se lles recoñecer o dereito a encadrarse nese réxime, explicou, terían moitas mellores cotizacións e coeficientes redutores para poder xubilarse un pouco antes, ao igual que o persoal da empresa privada do sector. “O servizo está moi envellecido, moito persoal ten arredor de 60 anos”, apuntou, o que está a provocar que haxa máis baixas por doenzas diversas, que se o persoal fose máis novo.

Responsabilidade da consellaría

Aínda que o recoñecemento do dereito a integrarse nese réxime depende do Ministerio, da consellaría do Mar depende presentar os informes que avalen a pertinencia desa integración. Segundo Zeltia Burgos, tras demandarllo a consellaría instou ao ISM para que se procedera ao encadramento do persoal gardacosta funcionario. “O ISM respondeu que non, pero non sabemos se a consellaría recorreu para que se tivera en conta a asimilación de funcións deste persoal”

Agora agardan polo amparo da Valedora porque, como concluíu Burgos, é preciso que este persoal, “teña o réxime xurídico que teña, dependa da empresa da que dependa, sexa empregado público ou estea na empresa privada teña o Réxime Especial do Mar”.