Descoñecemento absoluto entre o persoal de como e cando será o traslado dos xulgados da Coruña

A Xunta de Persoal advirte da inexistencia dun protocolo para mover os expedientes
A Coruña - 21 Mar 2017

A Xunta de Persoal da Administración de Xustiza na provincia da Coruña compareceu en rolda de prensa esta mañá para denunciar o "absoluto descoñecemento" que teñen os traballadores e traballadoras de como se vai realizar o traslado das dependencias xudiciais ao novo edificio Fábrica de Tabacos. Un traslado "inminente" pero do que, subliñaron, nin sequera saben a data exacta na que se producirá.

Explicaron que a pesar das reiteradas peticións, a administración non lle permite ao órgano de representación nin aos sindicatos visitar o novo edificio para comprobar o  seu estado e se dispón das condicións para que o persoal desenvolva o seu traballo adecuadamente.  Ademais de "ningunear" ao persoal coa súa actitude, denunciaron, "a administración oculta á cidadanía  a situación das dependencias nas que tamén se atenderá a menores e nas que non nos consta que se garanta a súa privacidade".

Ao reformado edificio da antiga da Fábrica de Tabacos desprazarase a Fiscalía da xurisdición penal, as catro seccións da Audiencia Provincial, o xulgado de menores e vixilancia penitenciaria. Ao tempo, ás instalacións que ocupa agora a Audiencia Provincial serán trasladados os xulgados do contencioso-administrativo, os xulgados do mercantil e o IMELGA. Mentres que no edificio coñecido como "Novos xulgados" permanecerán as salas de instrución, do penal e primeira instancia.

"Non sabemos como se vai solucionar, unha vez producida a mudanza, o problema do carrexo de expedientes entre a Fiscalía e o resto de órganos xudiciais da cidade.  Porque a día de hoxe, o expediente dixital na Xustiza non existe nin se prevé que exista en breve, o que supón que os procedementos en papel van ter que andar de viaxe entre a Praza de Monforte e a da Palloza", advertiron. Engaden que "as novas dependencias albergarán as causas penais máis graves de toda a provincia, pero neste momento aínda non hai un protocolo para o traslado e recepción dos expedientes".

Até o de agora, explicaron, o traslado dos expedientes entre edificios  -contiguos uns a outros- facíase con carros de supermercado, situación impensábel trala mudanza, "pero é que ademais o sistema a empregar ten que ser moi áxil para dar un servizo eficaz e que non se produzan dilacións indebidas, por exemplo, á hora de decretar a liberdade dalgún/ha  preso/a". Ou incluso, sinalaron, pode haber risco de ruptura da cadea de custodia.

Dende a Xunta de Persoal indicaron que a falta de información oficial "ou oficiosa" é tal que nin saben "cando nin como" se vai producir o traslado dos órganos. Isto provoca que se estea a citar a xente para acudir ás actuais dependencias xudiciais nos vindeiros meses "sen ter a seguridade de que nesa data sigan estando na mesma localización".

O órgano de representación teme que esta mudanza precipitada acabe derivando nunha situación caótica e con suspensión de xuízos. Por iso, xa adiantaron que iniciarán medidas de protesta de non achegárense solucións nun breve prazo de tempo.