• 2018-10-30-2xornadaFolgaElaboradosMar-Cabomar-13.jpeg
  • 2018-10-30-2xornadaFolgaElaboradosMar-Cabomar-14.jpeg
  • 2018-10-30-2xornadaFolgaElaboradosMar-Cabomar-06.jpeg
  • 2018-10-30-2xornadaFolgaElaboradosMar-Mascato.jpeg

O persoal dos elaborados do mar non cede e volve parar o sector na segunda xornada de folga

FGAMT-CIG pide a implicación da Xunta dada a condición de sector estratéxico para Galiza

Vigo - Vigo -

O sector dos produtos elaborados do mar retomou este martes 30 a folga un día despois do fracaso da nova xeira de negociacións do convenio coa patronal, á que acusan de “intransixente” e de manter posturas inamovíbeis. A de hoxe, que é a segunda xornada dunha folga histórica, amosou de novo que as traballadoras non están dispostas a continuar co “peor convenio” do ámbito da alimentación. Mañá, mércores 31, continuarán a loita nunha nova xornada de paro de 24 horas.

As traballadoras dos elaborados do mar respostaron positivamente ao novo chamamento do comité de folga e continúan en pé de guerra na batalla en prol dun convenio digno. Así o demostraron desde primeiras horas da madrugada deste martes, a pesar da noite de frío e choiva, logrando deter a produción nas principais factorías de Vigo, Pontevedra e Marín como Fandicosta, Mascato, GPS ou Cabomar.

A xornada, ao igual que o paro do pasado luns 22, decorre sen ningún tipo de incidentes, a pesar da presenza intimidatoria de cadros directivos á porta dalgúns centros de traballo ou da forte presenza policial despregada en Marín arredor de Cabomar.

Precisamente nesta última empresa, propiedade do xefe da patronal Conxemar, José Luis Freire, vivíronse momentos de tensión pola tentativa de introducir persoal de ETT, escoltado por varias dotacións, para tentar reducir os efectos da folga, sen lograr reactivar o groso da produción. Desde a central acúsase ao empresariado de aproveitarse da especial vulnerabilidade deste colectivo precarizado co obxectivo de dividir e debilitar as loitas.

Éxito da folga

A FGAMT-CIG fai un chamamento á implicación da Xunta no conflito dada a condición estratéxica do sector para Galiza

Para a FGAMT-CIG o novo éxito da folga, produto da unidade dun sector fondamente feminizado, supón un serio revés á actitude da patronal nas negociacións do pasado xoves e deste luns, onde se mantivo intransixente nas súas “propostas miserentas” para o convenio.

Neste sentido, indican que na parte económica o empresariado mantense inamovíbel nas propostas de suba salarial para os grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5´5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio fronte os 5,5% e 2´9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos/as en idade pediátrica ao centro de saúde.

Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros).

Aseguran, ademais, que pola parte social realizouse este mesmo luns unha nova proposta para dar unha última oportunidade ao acordo, responsabilizando a patronal destas dúas novas xornadas de folga.

Así mesmo, a federación fai un chamamento á implicación da Xunta no conflito dada a condición de sector estratéxico para Galiza. “A Administración debe tomar cartas no asunto e convocar ambas partes para facilitar unha solución”, declara Xabier Aboi, responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra.

Terceira xornada o mércores 31

A terceira xornada de folga no sector de elaborados do mar repetirá o esquema das dúas anteriores, dando inicio na madrugada deste mércores 31 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 22 horas do martes ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.

No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar, ás 04:30h.

Volver