O persoal dos centros oceanográficos denuncia o recorte drástico nos orzamentos

Galiza conta cun centro na Coruña e outro en Vigo
A Coruña - 22 Mar 2018

Os traballadores e as traballadoras dos centros oceanográficos denuncian o recorte drástico e continuido dos orzamentos, a excesiva centralización e a inacción da equipa directiva que está conducindo a unha situación de "colapso" destes organismos de investigación. Galiza conta con dous dos nove centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO), un en Vigo (con 100 traballadores/as) e outro na Coruña (con arredor de 40 traballadores/as), que realizan unha labor fundamental na investigación, desenvolvemento tecnolóxico, control e asesoramento en materia de pesca e medio mariño.

A situación orzamentaria é tan precaria "que non podemos contratar persoal para desenvolver proxectos, hai dificultades para manter os que xa están en marcha, temos problemas para realizar o mantemento dos equipos e nin sequera sabemos se poderemos celebrar o 50 aniversario do Oceanográfico da Coruña, programado para o 16 de abril", advirte Carmen Vázquez, delegada da CIG no centro coruñés.

Vázquez é unha das representantes do persoal que acudirá este venres a Madrid para reunirse coa equipa directiva do IEO (do que dependen os centros oceanográficos galegos) . "Solicitamos esta xuntanza para que nos informen de como se chegou a esta situación, cal é o principal problema e que medidas teñen pensado pór en marcha. Ademais, imos esixir que se avance dunha vez na modificación da RPT, que o director do Instituto se comprometera a levar adiante, mais que fica paralizada", explica a delegada da CIG.

Recorte drástico nos orzamentos

Os recortes nos orzamentos véñense arrastrando dende 2010, mais agudizáronse no ano 2014, cun cambio no réxime de control do gasto por parte do Ministerio de Facenda que se fixo "sen a dotación de recursos humanos necesarios", explícase nun comunicado dos traballadores/as.

Deste xeito, o orzamento do IEO -a diferenza doutros Organismos Públicos de Investigación- está ligado á execución do exercicio anterior e nos últimos anos rexistrouse unha "diminución drástica" da execución orzamentaria, do 90% en 2013 ao 50% de 2017. "E para este ano, a incapacidade para executar o gasto comprometido en 2017 levou a un axuste adicional en gasto corrente en bens e servizos, que só permite dispor dun 30% do presupostado o pasado ano".

Estrutura organizativa excesivamente centralizada

O IEO depende da Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e conta con presuposto propio e financiamento externo obtido en proxectos -moitos deles a cargo da UE- e encomendas de xestión.

A este respecto Vázquez subliña que a estrutura organizativa "anticuada" do IEO e a "pésima xestión" contribúen a agravar os problemas. "Hai unha excesiva centralización que resulta inoperativa e provoca a  ralentización na toma de decisións", explica. Os problemas na estrutura organizativa ocasionan atrasos na tramitación de expedientes "e, en consecuencia, bloquean a execución de proxectos e a creación de emprego cualificado e de calidade".  

A falta de autonomía organizativa dos centros ten levado mesmo a que, hai cinco anos, Galiza perdera a liña de investigación en acuicultura, "porque así se decidiu en Madrid". Ademais, a centralización atrasa a toma de decisións e por exemplo, para realizar as saídas mensuais ao mar "temos que solicitar autorización a Madrid, ás que en ocasións responden un mes despois", lamenta.

Neste liña, censura tamén a falta de interese das institucións na potencialidade e posibilidades destes centros, pois cando a UE estaba buscando localización para o laboratorio de moluscos "nin a Xunta pelexou para traelo para Galiza nin o Goberno español nin o Instituto propuxeron a candidatura".

Fronte ao desmantelamento que están a sufrir os centros oceanográficos e a falta de actuación da dirección o Instituto, o persoal acordou denunciar publicamente a situación e comezar unha rolda de actuacións e contactos para reverter os recortes.