O persoal dos buses urbanos da Coruña, en folga por un convenio digno

A CIG critica os abusivos servizos mínimos impostos polo Concello
A Coruña - 16 Nov 2026

Malia os abusivos servizos mínimos impostos polo Concello da Coruña, o persoal do transporte urbano da Coruña está este luns en folga en demanda dun convenio colectivo digno e o seguimento do paro déixase notar entre as persoas usuarias deste servizo público. Dende ás 5:45h, e custodiado por un desproporcionado dispositivo policial, o piquete informativo despregouse nas cocheiras de Tranvías da Coruña (a empresa concesionaria do servizo) e por volta das oito traballadores e traballadoras saíron en manifestación polas rúas da cidade para visibilizar as súas demandas.

A CIG critica os abusivos servizos mínimos decretados polo Concello que acadaron o 70% da actividade e foron moi superiores aos determinados para a xornada de folga xeral da pasada semana, malia o paro realizarse nunha xornada laboral similar.

A central nacionalista lamenta tamén que a única intervención do Goberno municipal no conflito fose para dificultar o exercicio do dereito fundamental á folga do persoal traballador e apela a responsabilidade do Concello como titular da concesión para que medie na busca dunha solución.

Neste senso, o comité de folga denuncia a sobrecarga de traballo, a precarización da contratación, as presións para cumprir horarios imposíbeis, o exceso de horas extra, a escasa planificación ante eventos ou autobuses e material obsoletos mentres se baten récords de número de persoas viaxeiras e a empresa incrementa beneficios.  

Por iso, advirten que “o persoal non atura máis” e chaman á Compañía de Tranvías a abandonar o inmobilismo, avanzar negociación do convenio colectivo e asumir as xustas e lexítimas reivindicacións trasladadas pola parte social.