O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña está en loita por un convenio digno. Dende o pasado mes de maio, sucedéronse as mobilizacións e unha xeira de folgas que paralizaron a actividade nos centros loxísticos e nas tendas e cuxas consecuencias se deixaron notar durante semanas.
Porén, a patronal –liderada por Gadis e Froiz– mantén un incomprensíbel inmobilismo sen apenas moverse das súas propostas iniciais, malia as rebaixas da parte social nas súas demandas e o rotundo éxito de todas e cada unha das xornadas de folga.
Denuncian o inmobilismo da patronal malia as rebaixas da parte social
Enrocada nas súas posturas, Gadis e Froiz escúdanse na demagoxia e apelan á súa condición de empresas galegas para negarlle soldos dignos ao seu persoal e para oporse a calquera mellora económica, asegurando que do contrario non poderían competir.
Neste contexto, milleiros de traballadores e traballadoras manifestáronse o 20 de setembro polas rúas da Coruña para demostrarlle á patronal que están fartas de cobrar menos que as compañeiras de Pontevedra, de ter que traballar case todas as fins de semana, perder poder adquisitivo día tras e tras e, ademais, que non se lles queira recoñecer nada de antigüidade.
A protesta precede á convocatoria de tres novas xornada de folga para os días 10, 11 e 13 de outubro en resposta á parálise patronal na negociación e a teimada negativa a ofrecer condicións laborais, salariais e sociais dignas.