O persoal do transporte de residuos de Sogama manterá as protestas mentres non se concrete a oferta da nova empresa

Así o acordaron na asemblea na que avaliaron a proposta de Copasa -que inclúe a recolocación de 54 condutores/as- pero que a compañía se nega a entregar por escrito
A Coruña - 18 Feb 2016
A asemblea de traballadores/as de Transportes Pellejero e Hijos, que realizan o servizo de transporte de residuos urbanos de Sogama, celebraron unha asemblea na tarde do mércores para avaliar a proposta da nova empresa concesionaria, Copasa, que inclúe a recolocación de 54 condutores/as, pero supón unha perda salarial importante para o persoal. Porén, como a empresa se negou a presentar por escrito a proposta, a asemblea acordou non desconvocar ningunha das medidas de presión até lograr que Copasa concrete a súa oferta.

No comunicado remitido pola asemblea de traballadores/as de Transporte Pellejero e Hijos SL (até agora concesionaria do servizo) e as centrais sindicais con representación, CIG e CCOO, indícase que na reunión –que foi posíbel pola mediación do  Consello Galego de Relacións Laborais- Copasa presentou unha proposta que inclúe a recolocación de 54 condutores e condutoras con contrato indefinido e un salario similar ao do convenio da Coruña, a pesar de que esta empresa aplica un convenio propio moi inferior.

Aínda así, aclárase “isto supón unha merma económica importante para o persoal, porque ademais de eliminar a antigüidade, exclúe un plus que viñan cobrando en Transportes Pellejero para compensar as características especiais deste servizo”.

Ademais, como a empresa non acepta presentar por escrito a proposta, decidiuse non suspender ningunha das medidas de presión até que se asinen os contratos.  Deste xeito, mantéñense as concentracións diarias na planta de Sogama e a manifestación prevista para o próximo domingo ás 13h en Ordes.

En canto á folga tamén se acordou non desconvocala “até que non se fagan efectivas as sinaturas dos contratos”. “Só a presión dos traballadores e traballadoras e os múltiples apoios recibidos nestes días tan duros permitiron que se abrira a posibilidade dunha solución que faga posíbel que non se perdan os postos de traballo e se melloren as condicións iniciais de contratación pretendidas pola UTE de Copasa e por Sogama”, afirman.

Responsabilidade de Sogama, a Xunta e o PP

No seu comunicado, a asemblea de traballadores e traballadoras responsabiliza a Sogama, a Xunta e o PP de verse na situación de ter que aceptar esta chantaxe, “ao ter permitido que unha empresa faga negocio con diñeiro público a conta do seu sustento e pretendera precarizar as súas condicións de traballo dunha maneira tan brutal”.

De igual xeito, acusan a Sogama, a través do seu presidente, Javier Domínguez Lino, de mentir publicamente ao afirmar que non se podía incluír a subrogación nas plicas ou que os traballadores/as pretendían manter o transporte por estrada fronte ao tren, co único obxectivo de “desprestixiar as lexítimas reclamacións do cadro de persoal”,.

A este respecto, Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG, apunta que actualmente é imposíbel por falla de infraestruturas que se poda realizar o transporte por tren nas porcentaxes das que Sogama fala, “polo que o traballo durante bastante tempo vai ser basicamente o mesmo e niso ningunha responsabilidade teñen os traballadores e traballadoras”.

Chamamento a secundar a manifestación do domingo en Ordes

Finalmente a asemblea fixo un chamamento aos veciños e veciñas dos concellos da mancomunidade de Ordes-Cerceda e da área de Santiago a participar na manifestación do domingo 21, ás 13h ,con saída da Alameda de Ordes.

“Tamén a non baixar a garda até que non se concrete a solución a este conflito e para que ninguén máis se teña que ver nunha situación como esta porque haxa quen queira facer negocios cos cartos públicos a conta das condicións de vida dos traballadores e traballadoras”, conclúen.