As traballadoras do SAF de Ponteareas en folga péchanse no Concello para esixir unha solución
Aproveitaron a celebración do pleno para reclamar a rescisión do contrato coa concesionaria e pasarán a noite no consistorio
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, en folga indefinida dende o pasado 26 de setembro ante os graves incumprimentos da empresa , vén de iniciar un peche no interior do Concello para reclamar unha solución ao conflito laboral, que pasa por corrixir as deficiencias e pola rescisión do contrato coa concesionaria Óbolo.
Un grupo de traballadoras e de responsábeis da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, e a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, accederon ao consistorio para trasladar as reivindicacións das afectadas durante o pleno da corporación como xa se fixo con anterioridade : que se abonen as nóminas a tempo e que se paguen as horas traballadas, así como medidas de prevención, contratos a tempo completo e que se garantan os descansos legais mínimos, tanto diarios como semanais, entre outras cousas.
Xa preto da medianoite interveu unha representante das traballadoras, que criticou tanto a xestión do Goberno local como a actitude dos dirixentes municipais, que hoxe se limitaron a levar ao pleno unha proposta de sanción para a empresa tras constatar distintos incumprimentos do contrato. En canto á posibilidade de rescindille o contrato, o concelleiro responsábel escudouse no feito de que aínda que se fixese a empresa podería volver a prensentarse ao concurso e gañalo. Estas afirmacións, e alocución final da alcaldesa, Nava Castro, acusando as empregadas do SAF de falta de sensibilidade coas persoas usuarias do servizo encenderon os ánimos das persoas presentes, que interromperon a sesión ao berro de "Empresa culpable, Nava responsable". Tras o que a rexedora deu por suspendido o pleno ao superarse a medianoite.
A continuación as traballadoras comezaron os preparativos para pasar a noite no interior do salón de plenos xunto a varios responsábeis da CIG -entre eles o propio secretario xeral, o secretario nacional da CIG-Servizos e o secretario comarcal da CIG de Vigo-, peche que abandonarán ás 10:30 horas para ofrecer unha rolda de prensa nas escaleiras do Concello coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Coidados e o Apoio, establecido pola ONU “para recoñecer a importancia de investir nos coidados e de crear sistemas sólidos, inclusivos e respectuosos cos dereitos humanos que respondan ás necesidades de todas as persoas”.