O persoal do mantemento dos leitos fluviais de Augas de Galiza mobilízase na defensa dos seus empregos

EULEN, a empresa que presta o servizo, decidiu non concorrer á nova licitación e xa comunicou o despedimento de todos os traballadores
A Coruña - 13 Nov 2026

Persoal do servizo de conservación e mantemento dos leitos fluviais da zona norte da Coruña e Lugo concentrouse este venres diante do edificio da Xunta na Coruña en defensa da continuidade dos seus empregos. A mobilización, que coincidiu coa finalización hoxe mesmo da contrata que EULEN viña executando para Augas de Galiza, prodúcese un día despois de que a empresa entregara a todo o persoal as cartas de despedimento tras a decisión de non concorrer á nova licitación.

A Federación de Construción e Mandeira da CIG (FCM-CIG) considera que esta decisión empresarial non pode desvincularse do conflito laboral que o persoal mantén desde hai un ano para conseguir a aplicación do convenio colectivo que legalmente entende que lle corresponde, o provincial de Rematantes e Serradoiros. Neste momento, EULEN estalles aplicando "o miserento Convenio Estatal de Actividades Forestais, cunhas condicións socioeconómicas considerabelmente peores ao conquistado pola CIG na Coruña”.

Ante a falta de resposta a esta reivindicación, a CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo e, posteriormente, promoveu un conflito colectivo que, tras rematar sen acordo o acto de conciliación, hai uns días foi trasladado á vía xudicial.

A representación sindical e os traballadores consideran que a decisión de EULEN de abandonar a contrata e promover os despedimentos non é casual, senón que está directamente relacionada con estas reclamacións laborais, "xa que a empresa pretende evitar as consecuencias económicas derivadas da aplicación do convenio correcto”.

Responsabilidade de Augas de Galiza

A FCM-CIG critica tamén a falta de contestación de Augas de Galiza, á que se dirixiu en reiteradas ocasións, incluída unha solicitude formal de reunión urxente presentada o pasado 23 de outubro, para abordar a situación do persoal e procurar alternativas que permitan preservar os postos de traballo.

“Pasado máis de medio mes, o responsábel directo do servizo, Roberto Arias, nin se dignou a atender ao persoal”, lamentan. Por iso, no remate da concentración deste venres volvéuselle trasladar un escrito a Augas de Galiza reclamando que asuma a súa responsabilidade como entidade contratante, facilite unha interlocución inmediata coa representación sindical e procure unha solución que permita manter os postos de traballo.

Cómpre destacar que, segundo a información trasladada á representación sindical, “mentres se resolve a nova licitación, a prestación do servizo será asumida temporalmente pola empresa pública TRAGSA. É dicir, o servizo público en ningún momento deixará de prestarse, só que o farán con outras empresas e persoas”.

Para a FCM-CIG da Coruña esta medida podería ter por obxecto deixar na indefinición a este persoal durante meses, “mentres prescriben as posíbeis demandas, dificultando así que o persoal poida defender o seu dereito a seguir facendo o que sempre fixo”.

Neste senso, advirten que “a CIG non permitirá que isto aconteza” e consideran especialmente grave que a administración autonómica “non só non estude unha solución para garantir a continuidade do emprego, senón que pareza ser colaborador na súa destrución”.