As traballadoras/es do Concello de Sarria non poderán cobrar os salarios pola falta de tesoureiro/a

CIG-Administración Local reclama unha mesa de negociación urxente para abordar esta insólita situación

Sarria -

O goberno municipal de Sarria vén de anunciar que non poderá realizar ningún pago, incluídas as nóminas do seu persoal, pola falta de tesoureiro/a. Unha situación, denuncian dende o Sector de Administración Local da CIG de Lugo-A Mariña, que deixa en "absoluta indefensión" os traballadores e traballadoras do Concello, "que van ser os verdadeiros/as prexudicados/as" desta medida.

Dende a CIG-Administración Local censuran "a irresponsabilidade daquelas forzas políticas" que co seu voto impediron a creación da praza de Tesoureiro/a, e que hoxe da lugar "a esta insólita e dramática" situación.

Reclaman a convocatoria con carácter de urxencia dunha mesa de negociación para poder analizar e debater a situación xerada e, neste senso, instan o goberno municipal a que adopte as medidas necesarias para desbloquear esta problemática, e así poder afrontar ao pago dos salarios.

Fernando Fernández, responsábel Sector de Administración Local CIG Lugo engade que "esperamos que dende de todas as partes (Concello, Xunta, Ministerio e grupos políticos con representación municipal) se actúe coa responsabilidade e cordura precisa para dar unha solución rápida a esta situación".

De non ser así, analizarase coas traballadoras e traballadores afectados as accións a desenvolver na defensa dos seus intereses.

Aínda que este é o primeiro caso que se rexistra en Galiza, o impago dos salarios ao persoal municipal poderíase estender a outros Concellos, xa que a maioría deles non contan cun tesoureiro ou tesoureira habilitada.

Volver