O persoal do Concello de Cariño traslada ao pleno municipal a necesidade dunha nova RPT

Aproveitaron a sesión para mobilizarse en demanda da actualización dunha relación de postos de traballo que leva 18 anos sen negociarse
Cariño - 29 Dec 2025

As persoas traballadoras do Concello de Cariño continuaron hoxe co calendario de mobilizacións iniciado o paso venres 19 para reclamar a aprobación dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) xusta que permita dotar a administración do persoal necesario para a xestión do servizos públicos e que garanta unhas condicións laborais dignas. Nesta ocasión aproveitaron a celebración do pleno municipal para desenvolver unha mobilización no exterior e no interior do consistorio ao mediodía.

“Despois de 18 anos de negociacións para a elaboración, negociación e aprobación da RPT vémonos na obriga de tomar medidas”, denuncia o persoal afectado, ao tempo que insiste en que as protestas repetiranse todos os días laborábeis mentres non haxa unha solución. Ademais, mantén a súa decisión de non realizar horas extraordinarias até que se aprobe a RPT e non descarta ir á folga se non se producen avances neste camiño.

Antes de optar polas medidas de presión as persoas traballadoras tentaron arranxar o problema “dialogando, negociando e a través da reclamación xudicial presentada pola CIG ante o xulgado contencioso administrativo nº1 de Ferrol (sentenza firme nº172/2022) que obriga o Concello de Cariño a elaborar e aprobar a RPT”. Pero a pesar da resolución, e malia a solicitude dunha execución forzosa da sentenza da que remataba o prazo o 16/09/2024, “o Concello non cumpriu cos prazos, nin tomou as medidas necesarias para avanzar na súa aprobación”.

A RPT é un instrumento técnico organizativo que inclúe todos os postos de traballo do Concello, facilita cubrir as necesidades actuais da organización en canto a postos de traballo, establece as funcións de cada posto e as retribucións salariais, que se calculan valorando estas funcións. É, polo tanto, o instrumento que permite organizar os recursos humanos do ente municipal: convocar novas prazas ou cubrir as xa existentes cando quedan vacantes coa finalidade de prestar os servizos públicos establecidos en cada administración pública; e constitúe unha obriga legal.

Coa intención de aprobar a RPT, as distintas corporacións do Concello de Cariño xa contrataron e pagaron a tres empresas distintas (nestes 18 anos) para a súa elaboración e aprobación, “pero nunca se finaliza o proceso negociador, polo que o único que se fai é tirar os cartos da veciñanza e incumprir os principios de eficacia, eficiencia e bo goberno que deben de imperar para servir ao interese xeral e mellorar a calidade de vida do pobo de Cariño mediante unha administración profesional e moderna”.

Perda de persoal

Outros Concellos da comarca -con gobernos locais de distinta cor política- que tamén carecían da RPT aprobárona recentemente. Porén, no Concello de Cariño “non só non se aproba a RPT, senón que parte da partida orzamentaria do capítulo I que retribúe a totalidade dos postos de traballo non se utiliza no persoal e desvíase a outras partidas que non teñen que ver co persoal municipal”.

 Esta situación motivou que nos últimos 12-15 anos se pasase de contar con 70 persoas traballadoras a menos de 50, o que provoca sobrecarga no persoal, que ten que prestar os mesmos servizos con menos efectivos e acudir a realización “voluntaria” de horas extras que no caso dalgún colectivo como o SAF, quedaron sen compensar nin pagar .

“Todo o descrito, sumado á precariedade salarial na que nos atopamos, especialmente o persoal laboral e funcionario que pertence aos grupos máis baixos, está a crear un mal clima laboral, que provoca o pensar en renunciar ao posto fixo de traballo por irse a traballos temporais”, lamentan. Polo que reiteran que “está en mans da alcaldesa poñer remedio a esta situación, que vai en prexuízo da calidade dos servizos que prestamos ao pobo de Cariño” e demandan a comprensión e apoio da veciñanza, pois “as nosas reivindicacións contribuirán a unha mellora dos servizos prestados”.