O persoal do comercio mobilizarase na CEG para reclamar un acordo marco galego que protexa os convenios provinciais
Este martes 9 de xuño, ás 12:00 horas, na sede da patronal galega en Compostela
As traballadoras e traballadores do comercio mobilizaranse este martes, 9 de xuño, para reclamarlle á patronal galega que asine un acordo marco interprofesional que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e impida así que se apliquen os recortes de dereitos do convenio estatal ARTE.
A protesta realizarase diante da Confederación de empresarios/as de Galiza na rúa do Vilar en Compostela, ás 12:00 horas, e enmárcase no intenso calendario de folgas e mobilizacións que o persoal do sector leva meses realizando en defensa dos seus dereitos laborais e salariais e por unha negociación colectiva próxima na que teñan capacidade de incidir e decidir.
15 días de acampada
Neste contexto, grupos de persoas traballadoras do sector sosteñan dende hai 15 días unha acampada reivindicativa diante da sede da patronal coruñesa, xa que é a máis reticente a avanzar neste marco galego e incluso se nega de xeito sistemático a constituír a mesa de negociación do convenio provincial do comercio vario, caducado o 31 de decembro e que toca renovar.
Este luns, as traballadoras están celebrando asembleas na propia acampada para resolver as dúbidas xeradas tras a sinatura do convenio ARTE e acordar as próximas accións para garantir o mantemento das actuais condicións de traballo e enfrontar este ataque patronal que, baixo a escusa da harmonización, ten como obxectivo liquidar a capacidade reivindicativa en cada provincia.
Menos salarios, peores condicións
A CIG-Servizos lembra que o convenio estatal asinado polas grandes multinacionais do téxtil e do calzado como Inditex, Mango, H&M ou Primark, con CCOO e Fetico significará un retroceso nos dereitos conquistados nos últimos anos a través da negociación colectiva provincial e estabelecerá condicións diferentes dentro dunha mesma tenda entre o persoal xa contratado e o eventual e de nova incorporación, que contará con peores salarios e menos dereitos.
Aínda que de maneira temporal as condicións do persoal de Pontevedra e Lugo ficarían protexidas polos convenios provinciais que se veñen de asinar, a aplicación de ARTE implicará percibir entre 2.000 e 5.000 euros menos ao ano na Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade recollido nos convenios de Lugo e Ourense; a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura, reducir a planificación de horarios e calendarios ou autorizar a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
A forte contestación das traballadoras e dos traballadores obrigou a modificar algúns dos aspectos máis lesivos da proposta da gran patronal, como os recortes na cobertura do 100% no caso das baixas ou que non se compute o descanso dentro da xornada como tempo efectivo de traballo; mais só de maneira transitoria naquelas provincias que xa o teñen recoñecido por convenio.
Por iso, a loita contra o convenio de ARTE e a estatalización da negociación colectiva non cesa e por iso as traballadoras continuarán reclamándolle á patronal galega a sinatura dun marco acordo marco interprofesional galego -seguindo o camiño da patronal vasca- ou ben que sente negociar un convenio galego para o comercio que protexa os dereitos e permita avanzar noutros novos.