O persoal do 061 mobilízase facendo unha “caravana do desterro” contra o traslado á Estrada

A Xunta de Galiza presenta unha proposta “para romper a unidade do persoal”

Nacional -

Cunha “caravana do desterro” desde o centro de traballo do 061, en San Marcos, até o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, amosaron este mércores o seu malestar as traballadoras  e traballadores da Fundación Pública de Emerxencias sanitarias, 061 e o persoal da central de chamadas, que depende do Grupo Norte. Unha caravana de coches contra o traslado á Estrada á que non puido sumarse a Xunta de Persoal porque estaba nunha xuntanza convocada pola administración dun día para outro.

O persoal estatutario do 061 recibiu con sorpresa, a última hora da mañá do martes, unha chamada para concertar unha xuntanza para o día seguinte, ás 10:00 horas. Unha reunión convocada dun día para outro na que a administración puxo sobre a mesa propostas para colectivos concretos e non para o conxunto do persoal.

O presidente do comité de folga e da Xunta de Persoal, Mario Otero lembra que entre o persoal estatutario do 061 convive persoal sanitario e non sanitario, facultativo e non facultativo. Por iso asegura que “sorprendeu que para o persoal non sanitario a administración non ofertara nada. Se quixeran obter un respaldo maioritario para rematar o conflito, abranguería a todas as traballadoras e traballadores” asegura.

Por iso cren que a pretensión da Xunta é “socavar o ánimo e conseguir que o persoal sanitario, nomeadamente o facultativo, sexa máis proclive a un acordo e, polo tanto, romper así a unidade do persoal”.

A principal reivindicación desta folga é conseguir que se lles recoñeza o dereito a percibir indemnizacións polos gastos ocasionados polo transporte ao novo centro de traballo e que o tempo de desprazamento se compute como tempo de traballo. Por iso advirten que a folga continúa, porque foi convocada pola Xunta de Persoal unha vez consultados todos os traballadores e traballadoras e se  manterá mentres manteñan esa posición.

Traslado en tres días

O traslado é inminente. O vindeiro luns, día 1 de outubro, ás 7:45 horas comezará xa a traballar no centro da Estrada a primeira quenda.

A tres días de que este se produza non hai acordo. Unha situación que “non nos sorprende, nin nos desanima” sinala Otero, quen lembra que o persoal do 112 fixo o seu traslado en plena folga e esta continuou 3 meses máis.

Grupo Norte

Pola súa banda o persoal da central de chamadas do 061, que depende da empresa concesionaria, Grupo Norte, recibiu como proposta á súa demanda dun plus que compensara os gastos do traslado que ían ter transporte público.

A este respecto o representante da CIG, Renato Núñez, lembra que “as liñas da estradense non coinciden co horario de entrada” e considera que “tampouco é viable a alternativa dun microbús cando estamos falando de varios desprazamentos de 1, 2, 3 ou 4 persoas”.

Outra das opcións sería facer os desprazamentos en taxi, o que tería un sobrecusto nos traslados nocturnos e de fin de semana. Alternativa que tampouco parece viable porque en calquera dos casos “a proposta da empresa superaría en custes a oferta actual e o tempo de traslado, empeorando as condicións actuais”.

Volver