O persoal de xustiza manifestarase este xoves día 15 para esixir a fin das discriminacións laborais

Arredor do 90% das traballadoras/es secunda unha nova xornada da folga

Nacional -

A folga na administración de xustiza suma xornadas mantendo un seguimento de arredor do 90% do persoal e o pulso mobilizador diario para dar visibilidade a un conflito que se prolonga dende hai tes meses. Durante estes dous últimos días, as traballadoras e traballadores participaron nas asembleas informativas convocadas para explicar o contido da xuntanza que o luns mantivo o comité de folga cos directores xerais de Función Pública e Xustiza e que rematou sen acordo.

Aínda que a Xunta se comprometeu a convocar unha nova reunión no prazo desta mesma semana para seguir negociando, até o momento, explica o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, non hai unha data fixada. En todo caso, apuntou, a participación masiva na folga e nas asembleas informativas demostra que o persoal está disposto a continuar adiante co paro indefinido, "porque non podemos consentir que esta sexa a última proposta que nos fan. E se temos que seguir coa folga, seguiremos até onde sexa necesario".

Horas e lugares das manifestacións

O que si está concretado, dentro do calendario de mobilizacións, son as manifestacións que se van realizar nas sete cidades este xoves, 15 de febreiro, ás 12:00 horas, e que sairán dos seguintes lugares:

•    Vigo: 12:00 horas, dende a rúa Lepanto até a Xunta de Galiza .
•    A Coruña: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Monforte) até a Xunta (Monelos).
•    Compostela: 12:00 horas,  dende os xulgados (rúa Viena) até a EGAP.
•    Ferrol: 12:00 horas, dende os xulgados até a Delegación da Xunta (pasando pola rúa Coruña, rúa Real e Praza de España).
•    Pontevedra: 12:00 horas, dende os Xulgados na Parda até a Xunta.
•    Ourense: 12:00 horas, dende os xulgados (rúa Velázquez) até a Delegación da Xunta.
•    Lugo: 12:00 horas, dende os xulgados  até o edificio administrativo da Xunta.  

Reunión sen acordo

En canto ao resultado da xuntanza, no relativo aos reforzos, a Xunta comprometeuse a presentar na seguinte reunión unha relación completa e actualizada dos reforzos que teñen máis de tres anos e unha proposta concretar na que se crearán as prazas que se consolidan, que servizos e en que localidades. O compromiso estendeuse a que estas prazas se creen e saían no concurso de 2018.

No caso das amortizacións, para poder pechar este punto, a representación do persoal esixe que se paralicen as amortizacións das prazas que tiñan pendentes e están ocupadas; desbloquear e sacar a concurso este ano aquelas prazas que aparecen na lista de amortizacións e quedaron vacantes; así como que a creación -para o concurso do ano 2019- do mesmo número de prazas que xa foron amortizadas efectivamente,

Sobre as substitucións, o comité de folga esixiu que, unha vez se redacte a nova normativa, as substitucións se cobren con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2018. Dende a Xunta quedaron avaliar a proposta e de trasladala a Facenda. 

Na cuestión na que se non produciu ningún avances foi en ITs. A Consellaría insiste en que se está pendente de que o Ministerio de Facenda elimine a penalización polas baixas laborais, e no caso de que isto non aconteza, limitou o seu compromiso a crear unha mesa de traballo. Dende o comité de folga reiteraron que calquera acordo está supeditado a que a regulación sobre incapacidades sexa a mesma que se lle aplica a maxistrados/as, fiscais, letrados/as ou a persoal doutras comunidades.

Nova oferta económica, "que nos sigue deixando por debaixo"

Na reunión do luns, a Xunta apareceu coa pretensión de centrar a negociación na cuestión económica e cunha nova oferta debaixo do brazo, que ao igual que a anterior contempla unha suba para o ano 2018 de cero euros. A nova proposta incrementa nuns 15 euros por corpo a presentada con anterioridade (90€ para Xestión; de 76€ para tramitación e de 68€ para auxilio) e reduce nun ano o tempo para acadar o 100% das cantidades (pasando de tres a dous anos).

En todo caso, apuntaba o Xesús Sánchez, con esta oferta, en 2020 o persoal da xustiza de Galiza seguirá estando por debaixo do que xa perciben os traballadores e traballadoras do sector na maioría dos territorios.
Fronte a isto, a proposta sindical foi de incrementos de 100€ para 2018, que aceptarían que se atrasaran até marzo, cando a administración conta con que estean aprobados os orzamentos xerais do Estado, desaparecendo así a restrición de incremento retributivo para 2018.

O resto das subas serían de 75€ para 2019 e de 50€ para 2020, acadando un incremento total de 225 euros. Ademais, contemplaría unha cláusula de revisión automática  que empezaría a funcionar a partir de xaneiro de 2021 e reflectiría unha subida igual a media da subida do resto de territorios con competencia en xustiza.

Volver