O persoal de xustiza manifestarase o sábado 7 de abril en Compostela

A marcha sairá ás 12 horas da Alameda e rematará na Quintana

Nacional -

O próximo sábado, 7 de abril, os traballadores e as traballadoras de xustiza volverán manifestarse polas rúas de Compostela, xusto cando se cumpren dous meses do inicio da folga indefinida para recuperar os dereitos roubados, esixir melloras laborais e reverter o recorte de emprego aplicado pola Xunta neste servizo público. Unha folga que está sendo un éxito dende o primeiro día, a pesar dos intentos da Xunta de desprestixiar esta loita e da estratexia de desgaste á que está a recorrer.

A marcha, a terceira que o persoal realizará polas rúas da capital galega, sairá ás 12 horas dende a Alameda e rematará na Praza da Quintana, onde se dará lectura a un manifesto. Para facilitar a asistencia, haberá autobuses dende todas as cidades.

Protestas diarias por todo o país

Esta mobilización nacional súmase as ducias de accións de protesta que o persoal vén realizando nas vilas e cidades dende o inicio do conflito e que cada día anovan para "mellor visibilizar a nosa loita", caracterizada polas camisetas azuis nas que se pode ler "Xustiza en loita. Dignidade e Resistencia".  Entre as mobilizacións non faltan os "recibimentos" a Feijoo ou Rueda nas visitas oficias, as caravanas de vehículos polas cidades, os almorzos solidarios, protestas nos lugares máis emblemáticos das cidades (como a que realizaron hoxe na Ponte do Milenio de Ourense ou que a farán mañá venres camiñando pola Muralla de Lugo), ou mesmo travesías en barco como a que protagonizaron un grupo de traballadores/as de Vigo para apoiar os seus compañeiros e compañeiras dos xulgados de Cangas.

Nesta xeira reivindicativa tampouco se esquecen de protestar contra as terxiversacións informativas que se están dar sobre o conflito. Ao berro de “Xunta e Voz, manipulación” ou “Menos subvencións e máis información”, queren amosar o seu malestar polo tratamento informativo que determinados medios están a dar da súa loita, xa que lonxe de ofrecer noticias “veraces e contrastadas” actúan “como simples voceiros da Xunta”.

A manifestación deste sábado prodúcese coas conversas rotas, logo da Xunta abandonar a última mesa de negociación sen pechar ningún documento de acordo nos puntos de IT, substitucións, amortizacións e reforzos e sen quere entrar a valorar a última proposta económica formulada polo comité de folga.

Sen noticias da Xunta

"Dende hai 15 días non sabemos nada da Xunta", critica Xesús H. Sánchez, secretario nacional da CIG-Xustiza. "Todo as novas que temos da administración son as declaración e informacións que dan aos medios de comunicación. Na última reunión nós fixemos unha proposta -subida do CAT de 180€ en dous anos- e a Xunta levantou da mesa sen dar unha resposta. O Goberno galego segue asegurando que coa súa oferta económica cumpren o mandato parlamentar de eliminar as discriminacións que sufrimos, pero o que está claro é que de cumprirse, sería dentro de tres anos e para entón habería que ver cales son as retribucións que negociou o persoal das outras comunidades", subliña.

Sánchez insiste no feito de que as traballadoras e traballadores da Xustiza galega teñen unhas condicións laborais e salariais discriminatorias con respecto ao persoal doutras comunidades e mesmo a outro persoal dos xulgados. Así, o Complemento Autonómico Transitorio (CAT), que é a parte da nómina que paga a Consellaría, é o segundo máis baixo  das comunidades coas competencias transferidas. Ademais, entre os anos 2013 e 2016, este complemento foi duramente recortado, vendo reducidas as súas retribucións entre 3.400€ e 10.000€ en función do corpo ao que se pertenza. A oferta da Xunta nin sequera chega para cubrir o recorte salarial aplicado nestes tempo e ademais non se cobraría na súa totalidade até o ano 2020.

A actitude irresponsábel que sostén o Goberno de Feijoo neste conflito cocha coas situacións vividas noutras comunidades, onde se pactaron subas salariais superiores sen que o persoal tivera que ir nin un so día á folga.

Vontade negociadora do persoal

A Xunta sostén unha actitude similar a respecto dos outros puntos da plataforma, ficando clara a pouca vontade negociadora e o escaso interese por un servizo público do que é responsábel. “Non nos deixan máis saída que seguir pelexando polos nosos dereitos, todo o que consigamos será grazas ao esforzo, a loita e a valentía das traballadoras e dos traballadores de Xustiza”, conclúe.

En todo caso Sánchez, reitera que o comité de folga mantén toda a vontade para negociar e chegar a acordos, "ao igual que tivemos sempre". Neste senso, apuntou que o pasado luns, representantes do persoal mantiveron un encontro coa Consello da Avogacía que se postulou para mediar no conflito.

Mañá, venres, terán unha xuntanza coa Xunta para trasladarlles a mesma proposta de mediación. "Por nós que non sexa, pero non temos nada claro que a Xunta vaia aceptar", adianta Sánchez, lembrando que en varias ocasións a administración negouse a aceptar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais que solicitaron dende o comité de folga.

Camiñando cara os dous meses de folga, os traballadores e traballadoras de Xustiza teñen unha nova cita en Compostela o próximo sábado para esixir a fin das discriminacións laborais e salariais e que se dote do persoal necesario a esta administración, pois a Xustiza galega é unha das máis colapsadas do estado.

Volver