O persoal de Viaqua concéntrase en Fene, Compostela, Pontevedra e Ourense en defensa dun convenio digno

O comité intercentros denuncia o bloqueo da negociación por parte da empresa e advirte de que continuará coas mobilizacións
Nacional - 11 Xun 2026

Traballadores e traballadoras de Viaqua concentráronse este xoves en Fene, Compostela, Pontevedra e Ourense para reclamar un convenio colectivo digno e denunciar o bloqueo da negociación por parte da dirección de Veolia-Viaqua. A empresa xestiona o servizo de auga nuns 50 concellos de Galiza o que representa en poboación arredor dunhas 750.000 persoas.

As mobilizacións, convocadas polo comité intercentros da empresa, desenvolvéronse diante dos respectivos concellos e das oficinas de Viaqua nas catro localidades, no marco das accións de protesta acordadas pola representación do persoal para presionar á empresa a retomar unha negociación que consideran practicamente paralizada.

Segundo denuncia o comité, tras unha reunión celebrada o pasado 1 de xuño coa intención de desbloquear as conversas, apenas se produciron avances en tres ou catro aspectos do convenio, malia os esforzos realizados pola parte social para achegar posicións e flexibilizar algunhas das súas reivindicacións. A representación das persoas traballadoras considera que a dirección volveu bloquear a negociación escudándose no argumento de que non pode asumir melloras salariais porque estas afectarían á súa capacidade para competir nos concursos públicos.

Neste sentido, o comité intercentros cualifica de “inaceptable” que unha empresa do tamaño de Veolia xustifique a súa postura nos salarios do cadro de persoal, que asegura que non superan as táboas salariais medias actuais e que cada vez se atopan máis próximos ás condicións recollidas no convenio estatal do sector.

A representación sindical critica ademais que a empresa estea empregando este discurso para trasladar ao cadro de persoal mensaxes de incerteza sobre o futuro da actividade e das concesións, ao tempo que prolonga deliberadamente a negociación. Mentres tanto, denuncian, os traballadores e traballadoras continúan sufrindo a perda de poder adquisitivo e a falta de garantías sobre o futuro convenio.

Defensa dos dereitos laborais

Entre as principais reivindicacións que o persoal considera irrenunciables figuran o mantemento da xubilación parcial, a garantía de recuperación e mantemento do poder adquisitivo mediante incrementos vinculados ao IPC, a equiparación da antigüidade e dos salarios entre áreas de actividade, a mellora das condicións laborais do persoal administrativo, o incremento das compensacións por gardas, traballos penosos e festivos, así como a redución da xornada laboral para adaptala ás novas realidades do sector.

Estas demandas foron ratificadas por unanimidade nunha asemblea de delegados e delegadas de todo o país celebrada o pasado 3 de xuño, na que tamén se acordou intensificar as medidas de presión ante a falta de avances nas negociacións.

Novas mobilizacións e posibilidade de folga

O comité intercentros asegura que a súa vontade segue sendo alcanzar un acordo negociado e confía en que a empresa recapacite e retome o diálogo. Porén, advirte de que as mobilizacións continuarán ao longo de todo este mes de xuño se non se produce un cambio de actitude por parte da dirección.

Neste contexto, a representación sindical non descarta convocar unha xornada de folga a finais de mes no caso de que persista o bloqueo actual da negociación.

O comité quixo tamén agradecer a participación do cadro de persoal nas mobilizacións e a implicación demostrada durante as últimas semanas, facendo un chamamento a manter a unidade para conseguir un convenio colectivo que mellore as condicións laborais e salariais de todo o persoal.