O persoal de transporte de residuos exixe a Sogama responsabilidades polo incumprimento dos acordos

Anuncian un endurecemento das protestas diante da súa “insostíbel” situación laboral

Compostela -

Os traballadores do transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama denuncian que desde que a UTE COPASA-Renfe-Logirail asumiu esta concesión pública subcontratando a Transportes Pacholo S.L. o servizo “está sendo un caos” e as presións ao persoal son continuas, o que está xerando un clima de traballo insoportábel.

Os traballadores responden así á imaxe “idílica” que Sogama pretendeu trasladar a través dunha información publicada este domingo nun medio de comunicación galego. De feito lembran que desde hai un ano, data na que se iniciou a concesión, sucedéronse as mobilizacións e mesmo houbo unha convocatoria de folga na que os traballadores exixían o cumprimento dos compromisos asumidos tanto pola dirección de Sogama como pola UTE e Transportes Pacholo.

Incumprimentos sistemáticos

Denuncian que a pesar das protestas e da sinatura de novos acordos os incumprimentos son sistemáticos e diarios con presións individuais aos traballadores. A este respecto, o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón explica que “malia ter entregado uns cuadrantes na Inspección de Traballo se lles están modificando os horarios permanentemente con ameazas de despedimentos e sancións se non os aceptan”. A isto engade que a estas alturas do ano aínda non coñecen as datas das súas vacacións nin se lles permiten coller os días libres que lles corresponden por traballar en festivos.

Os traballadores veñen denunciando fallas graves nas medidas de seguridade que logo dun ano non foron resoltas, o que ocasionou xa varios accidentes e baixas. Unha situación que foi comunicada mesmo por escrito á propia presidencia de Sogama sen ter ningún tipo de resposta.

“Os traballadores están fartos de que a empresa e Sogama se rían deles”, asegura Pavón, e anuncian que retoman as mobilizacións sen descartar unha nova convocatoria de folga se non se resolve dunha vez esta situación insostíbel.

O representante da FGAMT-CIG de Compostela denuncia que “Sogama e o PP asumiron ao inicio da contrata uns compromisos cos traballadores que hoxe están sendo pisoteados pola UTE e por Transportes Pacholo”. E anuncia que, a partir de agora, polo tanto, “exixirán directamente a Sogama e ao PP que asuman a súa responsabilidade e resolvan unha situación que eles crearon vendéndoos ao mellor postor no cambio de contrata sen respectar o seu dereito á subrogación”.

Consecuencias nas vidas persoais e familiares

Esta situación, con despedimentos, baixadas drásticas de salario e desregulación completa dos horarios de traballo provocou, segundo Pavón, problemas familiares e persoais até tal punto que “a súa paciencia xa se esgotou e, de non haber unha solución inmediata o conflito endurecerase xa que a estas alturas non teñen nada que perder”.

Volver