O persoal de Textil Lonia de Ourense convoca mobilizacións indefinidas todos os mércores
O cadro de persoal de Sociedade Textil Lonia de Ourense vén de anunciar a convocatoria de manifestacións indefinidas todos os mércores desde a partir do vindeiro 11 de marzo unha vez que a empresa insiste en ignorar as súas xustas reivindicacións e négase a pactar melloras salariais que rematen coa precariedade laboral que padecen.
A decisión foi adoptada en asemblea en resposta á actitude da dirección, que non só insiste en desoír as reclamacións das persoas traballadoras, “senón que segue culpabilizándoas por alzar a voz e facer públicas as condicións que levan sufrindo desde hai moitos anos”, tal e como sinala a secretaria comarcal da CIG-Ourense, Xulia González.
Dende a central sindical lembran que foi a propia compañía a que se levantou unilateralmente da mesa de negociación, rompendo calquera posibilidade de avance. “Mentres tanto, pretende trasladarlle ás persoas traballadoras a responsabilidade do conflito e presionalas para que desconvocasen as mobilizacións, ao tempo que escenificaba un suposto proceso negociador que non era máis ca un paripé”.
O que demostra que a intención da empresa sempre foi silenciar e desacreditar a loita, “facendo ver que o problema non eran as condicións laborais senón o feito de que decidisen facelas públicas. Lonxe de asumir responsabilidades, a dirección opta por sinalar ás propias afectadas”.
A responsábel sindical considera “especialmente grave” esta actitude empresarial “tendo en conta que o que se reclama é pouco máis ca calderilla en comparación cos beneficios que obtén a empresa”. Uns beneficios que existen -lembra González- grazas á súa suor ao seu esforzo diario, á súa experiencia e ao seu traballo constante durante anos. “Non están pedindo privilexios, están esixindo recoñecemento e condicións dignas acordes á realidade dunha empresa que medrou e se consolidou precisamente polo compromiso do seu persoal”.
Estratexia de desgaste
Ao tempo que incide en que a convocatoria de manifestacións indefinidas responde á firme determinación de non aceptar nin o silencio imposto nin a culpabilización interesada. “As persoas traballadoras non son responsábeis do conflito por denunciar o que viven; responsábel é quen se nega a negociar e a repartir con xustiza a riqueza que xeramos”, sinala.
As mobilizacións celebraranse todos os mércores a partir do 11 de marzo e manteranse até que a empresa abandone a súa estratexia de desgaste, deixe de sinalar as traballadoras e volva á mesa de negociación con vontade real de acadar solucións.
Finalmente, dende o cadro de persoal de Textil Lonia queren deixar claro que as persoas que están a manter esta loita non son poucas como pretende facer crer a empresa. “Somos a voz de moitas máis, a voz das que teñen medo, das que durante anos calaron por temor ás represalias, pero que hoxe ven nestas mobilizacións unha oportunidade para que, por fin, poida saír á luz a súa realidade”.