O persoal de Seaga rematará a acampada en San Caetano cunha ofrenda floral reivindicativa

Os traballadores/as da empresa pública sairán nunha marcha a pé camiño da catedral ás 12.00
Vigo - 22 Set 2016
Os traballadores/as de Seaga rematarán este venres a acampada que manteñen diante da Xunta dende o pasado luns para denunciar a precariedade laboral que padecen e reclamar unha nova política forestal cunha ofrenda floral reivindicativa ao Apóstolo Santiago. O persoal da empresa pública encargada da prevención e loita contra os incendios sairá nunha marcha a pé dende San Caetano a partir das 12.00 horas camiño da catedral compostelana.

Os empregados/as de Seaga decidiron acampar nos exteriores do edificio central da Xunta en Santiago ao remate da manifestación que tivo lugar este luns polas rúas da cidade para denunciar as condicións de “absoluta precariedade” na que se atopan e a “nefasta política” en materia de prevención e extinción de lumes.

Arredor de 300 traballadores/as participaron na manifestación convocada pola CIG para denunciar a precariedade laboral que padecen os empregados/as da compañía pública e rexeitar a política de prevención e extinción de lumes forestais que aplica o Goberno galego.

“O operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros”, alertan.

Xunto a isto, denunciaron as precarias condicións laborais e económicas que padece o persoal, ao ter contratos fixos-discontinuos dunha duración de tan só tres meses, o que non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin ás axudas de 400 euros.

Por todo isto, demandaron un cambio nas políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores/as”.

Ofrenda floral e visita a Bruxelas

Segundo explican dende a CIG-Servizos, a acampada en San Caetano rematará este venres ao mediodía, cando os participantes marcharán a pé até a catedral para realizar unha ofrenda floral reivindicativa ao Apóstolo Santiago.

Por outra banda, un traballador de Seaga desprazouse a comezos de semana a Bruxelas para participar, en representación dos seus compañeiros/as nunha comisión do Parlamento europeo sobre a precariedade laboral e a exclusión social en Galiza. Xosé Ignacio Magariños, que é membro do comité de Seaga en Pontevedra pola CIG, foi invitado pola europarlamentario do BNG, Ana Miranda, e puido expoñer a problemática que padecen os empregados/as da compañía pública que se encarga da prevención e loita contra o lume.