O persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra urxe a renovación do convenio tras 11 anos paralizado

Mobilizouse en Vigo para instar á negociación e denunciar a suspensión da reunión prevista como represalia por convocar folga
Vigo/Pontevedra - 15 Nov 2023

O persoal do sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra volveu saír onte á rúa en defensa dun convenio xusto con salarios dignos, esta vez para protagonizar unha concentración na Porta do Sol de Vigo.

Dende a federación de Banca da CIG explican que tras 11 anos co convenio paralizado, o pasado 3 de novembro o sector desenvolveu un paro de tres horas convocado pola central sindical -maioritaria no sector- e aproveitou a xornada para mobilizarse diante da patronal que está a negociar o convenio, a Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Dende a CIG-Banca denuncian que o empresariado en represalia pola folga decidiu suspender a xuntanza fixada para o 8 de novembro, sen fixar unha nova data de negociación.

Ao tempo que fan fincapé en que as traballadoras/es do sector xa non aturan máis esta situación de conxelación e parálise do seu convenio e volve ás rúas para demostrarlle ás empresas que non darán un paso atrás na loita polos seus dereitos. De feito, de non mudar a actitude da patronal non se descartan novas convocatorias de folga.