O persoal de Nestlé en Pontecesures inicia protestas para rexeitar os 27 despidos

Hoxe desenvolveuse unha concentración na empresa que se repetirá este venres 15, mentres que para o sábado hai convocada unha manifestación
Pontecesures - 14 Mai 2026

O cadro de persoal de Nestlé iniciou hoxe un calendario de mobilizacións contra o ERE mediante o que se prevén 27 despedimentos na fábrica de Pontecesures. As instalacións da empresa acolleron unha concentración de 13:00 a 15 horas para rexeitar a medida, que se volverá a repetir este venres día 15 no mesmo horario. Para o sábado hai convocada unha manifestación que arrincará ás 12:00 horas da Praza de Pontevedra da localidade e rematará ás portas da compañía.

Mañá venres terá lugar tamén unha xuntanza de mesa negociadora do ERE en Barcelona, na que a CIG estará presente cun membro da sección sindical e cunha asesora. A central xa amosara días atrás o total rexeitamento ao ERE formulado por Nestlé a través do que pretende despedir a un total de 301 persoas, das que 27 pertencerían á planta que a compañía ten en Pontecesures. Esta é a única instalación que Nestlé ten en Galiza e a única factoría dedicada á produción de leite condensado do grupo.

A secretaria da FGAMT-CIG de Pontevedra, Cecilia Tarela, denuncia que, realizando unha comparación en porcentaxes, a planta de Pontecesures será unha das máis prexudicadas polo ERE, xa que as 27 rescisións de contrato supoñen o 14% do cadro de persoal total: unhas 200 persoas traballadoras.

Tarela explica que na planta de Pontecesures faise a produción de leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, e que neste momento está nun pico de máxima produción. “Soster esta produción con 27 persoas traballadoras menos non é posíbel”, asevera. E reitera que a CIG non vai aceptar un só despedimento nesta fábrica.

A representante sindical rebate que existan causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen este ERE, menos aínda tendo en conta que o ano pasado o grupo Nestlé acadou unha facturación récord, cun montante de 2.984 millóns de euros.

“Cos números que presenta Nestlé a nivel estatal non vemos necesarios nin xustificados estes despedimentos e nos próximos días comezaremos coas accións e mobilizacións que sexan precisas pola continuidade de todos os postos de traballo”, conclúe.