O persoal de mantemento do CHUO retoma as protestas tras rebaixar a empresa a proposta inicial

Os traballadores/as de Ferrovial Servicios mobilizáronse nos arredores do hospital e na Xerencia
Ourense - 15 Mar 2018

O cadro de persoal de Ferrovial, concesionaria do mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), retomou hoxe as protestas despois de que a empresa optase por rebaixar a proposta inicial. Os empregados/as desenvolveron unha mobilización nos arredores do centro sanitario e diante da Xerencia do CHUO.

A decisión de retomar a folga indefinida que suspenderan durante as negociaciónse de volver á rúa foi adoptada en asemblea tras a xuntanza mantida este martes cos responsábeis de Ferrovial Servicios, que optaron por rebaixar a proposta inicial ofrecendo 14,50 euros por cada domingo e festivo de traballo.

Dende a CIG-Industria de Ourense lembran que existía un acordo coa empresa polo que os traballadores/as suspendían cautelarmente a folga indefinida coa condición de que a dirección facilitase un calendario de reunións e se sentara a negociar.

Mais no primeiro encontro, celebrado este martes, a empresa volveu á proposta inicial, incluso rebaixándoa. “Entendemos que ese non é un talante negociador, e que esa actitude é irresponsábel”, denuncia o secretario comarcal da federación, Indalecio Gómez.