O persoal de Lugove-Subus en folga contra a explotación traslada as protestas á Xunta en Vigo

A empresa concesionaria do trasporte en autobús na comarca do Baixo Miño e Val Miñor acumula numerosos incumprimentos laborais e do servizo
Vigo - 28 Ago 2026

O persoal de Lugove-Subus, concesionaria do transporte en autobús na comarca do Baixo Miño e Val Miñor, trasladou este venres á delegación da Xunta en Vigo as protestas contra a explotación e os constantes incumprimentos laborais e do servizo coincidindo coa terceira xornada de folga, que volveu rexistrar un importante seguimento. A compañía continúa sen poñerse en contacto co comité de empresa nin intenta chegar a acordos para resolver as numerosas problemáticas denunciadas pola parte social, polo que as persoas traballadoras decidirán en asemblea as seguintes mobilizacións tras as xornadas de paros dos pasados días 7 e 14 de agosto, sen descartar a convocatoria dunha folga indefinida.

A cadro de persoal da empresa de transporte aproveitou a xornada de hoxe para mobilizarse na estación de autobuses de Vigo ás 10:00 horas e diante do edificio autonómico ao mediodía. Na terminal viguesa varias persoas que facían parte dun piquete foron identificadas pola Policía española cando realizaban labores informativas, en consonancia co que que está a acontecer dende hai tempo ao amparo da Lei Mordaza nun intento de reprimir a resposta social e silenciar as reivindicacións da clase obreira.

O presidente do comité de empresa, Anxo Taboada, da CIG, lamenta que a única resposta que deu a dirección até o de agora foi a través dos medios de comunicación para asegurar que ten un compromiso claro coa mobilidade e coa seguridade das persoas usuarias e traballadoras, “unha afirmación claramente hipócrita e cínica tendo en conta que non está a facer nada para rematar con esta situación, e non parece que a cousa vaia cambiar mentres a Xunta llo permita”.

Lembrou que o persoal leva anos denunciando os numerosos incumprimentos de Lugove-Subus, tanto en materia laboral como nas medidas de seguridade e no mantemento da flota, o que deriva nun incremento das baixas e en que os incidentes no servizo sexan habituais. “Pero a resposta da empresa, en vez de atallar os problemas, é incoar expedientes e aplicarlle sancións ás persoas traballadoras”, censura.

Taboada sinala que a empresa se escuda en que ten perdas “para non investir un duro” e mantén un cadro de persoal axustadísimo para cubrir as necesidades do servizo, o que provoca unha sobrecarga laboral e mental que afecta directamente á saúde das persoas traballadoras.

Sancións da Inspección de Traballo

Hai que salientar que Lugove-Subus está en situación de prórroga, pois a Xunta rescindiulle o contrato e está en proceso de nova licitación. Por iso, o persoal tamén lle reclama a Administración galega, como titular deste servizo público, que vele polos dereitos e a seguridade tanto das persoas traballadoras como das usuarias.

Neste senso, Anxo Taboada denunciou que o persoal ten que realizar xornadas moi amplas con dispoñibilidade de até 15 horas e non se cumpre co descanso legal entre xornadas, até o punto de que a empresa “converteu en norma o descanso reducido excepcional e elabora as quendas anuais de traballo sobre esta base”. Estas e outras prácticas -engadiu- xa foron sancionadas pola Inspección de Traballo. A isto engádese un deficiente mantemento da flota e que tampouco se está realizando unha hixienización adecuada dos vehículos, xa que é o propio persoal condutor quen se encarga das tarefas de limpeza.

En canto ao empeoramento da calidade servizo que se lle presta á cidadanía, citou o incumprimento sistemático dos horarios ou o feito de que en moitas ocasións as persoas teñan que viaxar de pé, co conseguinte risco para a súa seguridade.