O persoal de limpeza e conserxería dos colexios e pavillóns de Compostela decidiu suspender a folga de dez días que tiña previsto iniciar este luns, despois de que a reunión mantida hoxe coa empresa permitise avanzar no desbloqueo das principais reivindicacións que motivaran a convocatoria.
O cadro de persoal acordara o pasado venres non efectivizar inicialmente a folga tras ser convocada pola empresa unha xuntanza na que se comprometía a abordar a aplicación da xornada de 37 horas e media e a efectivización das ampliacións de xornada para o conxunto do persoal.
Segundo explica Paulo Rubido, asesor da CIG, un dos principais escollos da negociación era precisamente que, malia que o Concello incrementara a xornada no prego do contrato, transcorridos xa catro meses desde o seu inicio, a empresa aínda non fixera efectivas esas ampliacións.
Na reunión celebrada hoxe, a empresa comprometeuse a estabelecer a xornada de 37 horas e media, facer efectivas as ampliacións de xornada, para practicamente todo o persoal, e a conceder 2 días de asuntos propios, a partir do 1 de outubro, polo que as traballadoras e traballadores decidiron suspender a folga e continuar co proceso negociador.
Rubido salienta que se trata dun avance fundamental, xa que unha parte moi importante do persoal dos pavillóns continúa contratada a tempo parcial. En concreto, os conserxes están contratados actualmente por 30 horas semanais e perciben salarios duns 700 ou 800 euros, malia que o prego do contrato establece a prestación do servizo a xornada completa e fixa os horarios correspondentes a esa dedicación.
O asesor da CIG lembra que a representación do persoal mesmo elaborou unha proposta de calendario para permitir o reparto das horas e facer posible que todo o persoal puidese acceder á xornada completa.
A suspensión da folga prodúcese, polo tanto, como consecuencia do avance acadado na reunión e queda vinculada ao cumprimento dos compromisos asumidos pola empresa e á continuidade da negociación sobre o resto dos aspectos aínda pendentes.