O persoal de limpeza e conserxería dos colexios e pavillóns municipais de Santiago de Compostela anunciou esta mañá, en rolda de prensa, que volverá á folga ante a falta de avances na negociación coa empresa Lacera, actual concesionaria do servizo. Están previstas dez novas xornadas de folga, do 14 ao 18 e do 21 ao 25 de setembro, para reclamar unhas condicións laborais dignas e o cumprimento dos compromisos adquiridos.
O asesor da CIG, Paulo Rubido, explicou que a decisión foi adoptada en asemblea a semana pasada, despois de constatar que, a día de hoxe, non existen posibilidades de alcanzar un acordo. Rubido lembrou que o cadro de persoal xa realizou tres xornadas de folga no mes de xuño para denunciar a situación de precariedade que arrastra este servizo desde hai anos.
Segundo explicou, trátase dun dos contratos máis precarios de toda a Administración local compostelá, con salarios baixos, numerosas xornadas parciais e categorías laborais incorrectamente adscritas. Unha situación que, segundo a CIG, é coñecida tanto polo actual Goberno municipal como polos anteriores.
Rubido recoñeceu que o Goberno local incrementou de maneira moi importante a dotación orzamentaria da nova licitación, chegando practicamente a multiplicala por tres. Porén, advertiu de que ese incremento orzamentario non se está traducindo en ningunha mellora efectiva das condicións laborais.
Incumprimentos de Lacera
A representación sindical mantivo durante o verán tres reunións con Lacera co obxectivo de avanzar, especialmente na cuestión dos horarios. Existía un acordo tácito para establecer novos horarios e aplicar unha xornada de 37 horas e media, en consonancia coas condicións existentes noutras contratas municipais. Porén, a empresa comunicou que non aplicará o acordo tácito acadado sobre os horarios e négase tamén a negociar outras melloras laborais.
A maiores, a CIG denuncia que Lacera está mantendo os horarios anteriores, incumprindo así o novo prego, e está comezando a comunicar ás traballadoras e traballadores novos horarios de 39 horas semanais, sen acordo coa representación sindical e sen a debida información previa ao persoal.
“Estamos cansos e cansas desta situación”, sinalou Rubido, quen advertiu de que a representación sindical se ve novamente obrigada a recorrer á folga a pesar das dificultades que supón para un persoal que parte xa dunha situación económica precaria. “Nada máis lonxe da intención e das ganas da representación sindical que verse na obriga de ter que realizar de novo esta convocatoria de folga”, afirmou.
A CIG puxo en marcha tamén a Caixa de Resistencia e unha campaña de venda de bonos e recadación económica para facer fronte aos gastos derivados do conflito, ante a perspectiva de que poida prolongarse no tempo.
Rubido subliñou que a representación sindical considera que aínda existe marxe durante esta semana para que tanto o Concello como a empresa adopten medidas que permitan desencallar a situación. “Se iso efectivamente non é así, non nos vai quedar máis remedio e, evidentemente, efectivizaremos a folga con todas as consecuencias”, advertiu.
Oferta económica á baixa
Para a CIG, a responsabilidade non pode recaer exclusivamente sobre a empresa concesionaria. Neste sentido, Rubido cuestionou o modelo de licitación empregado polo Concello, especialmente o peso concedido á oferta económica.
“Cando sacas unha licitación pública na que se puntúa a oferta económica, a empresa que licita máis barato parte cunha vantaxe”, explicou. Segundo sinalou, tendo en conta que nestes contratos o principal custo é a man de obra, unha oferta económica excesivamente baixa pode acabar repercutindo directamente nas condicións laborais.
Por iso, reclamou ao Concello que nos pregos dea maior peso ás condicións técnicas e á solvencia das empresas, e que non se valore fundamentalmente quen presenta a oferta máis baixa. “Este problema non o teño só neste contrato. Pasou tamén en socioculturais e ocorre en máis contratos. Entón, aquí algo non se fixo claramente”, concluíu.
A representación sindical insiste en que a plantilla está unida e disposta a defender as súas reivindicacións. Se non se produce un cambio nas posicións da empresa e da Administración local antes do 14 de setembro, a folga desenvolverase durante dúas semanas nos colexios públicos de Compostela.