O persoal de limpeza de Correos bótase de novo á rúa para reclamar o pago dos salarios e a rescisión coa concesionaria

Hoxe desenvolveron unha manifestación en Pontevedra, mentres que o vindeiro mércores 4 de outubro trasladarán as protestas a Ourense
Pontevedra - 27 Set 2023

O cadro de persoal do servizo de limpeza de Correos, en folga indefinida dende o pasado luns 4 de setembro para reclamar o pago dos salarios e rescisión do contrato coa actual concesionaria, botá-ronse hoxe de novo á rúa no marco do calendario de protestas que están a levar a cabo dende que estalase o conflito laboral. Nesta ocasión desenvolveron unha manifestación polo centro de Ponte-vedra, mentres que o vindeiro mércores 4 de outubro trasladarán as mobilizacións a Ourense.

As traballadoras/es de JCórdoba véñense mobilizando en toda Galiza dende hai meses para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apuntan como responsábel á dirección de Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa. O caso é que as empregadas/os levan xa tres meses sen ingresar salarios, débeda que se eleva até os catros meses nalgúns casos. “As consecuencias de sacar un concurso infradotado e de permitir que unha empresa pirata como JCórdoba se faga con contratos públicos están a pagalas agora as traballadoras/es”, denuncian dende a CIG.

A representación sindical vén de coñecer agora que o consello de administración de Correos celebrou unha xuntanza “e parece ser que se vai proceder á rescisión do contrato e a botar man dunha empresa ponte até que non se celebre o novo concurso de adxudicación, pero que non hai nada confirmado nin sabemos quen se vai facer cargo das nóminas pendentes”.

Neste senso, advirten que se a compañía postal pretende seguir licitando o contrato por debaixo do custe real do servizo ningunha empresa solvente presentará oferta, tendo en conta ademais a débeda salarial xerada agora por JCórdoba co persoal.

En consecuencia, as traballadoras/es continuarán coa folga e co calendario de mobilizacións para esixir que se respecten os seus dereitos laborais e salariais. A seguinte protesta terá lugar o vindeiro mércores 4 de outubro, data na que teñen convocada unha concentración diante da oficina central de Correos en Ourense ás 11:00 horas.