O persoal de Leche Celta intensifica as medidas de presión e convoca tres días de folga de 24 horas

As traballadoras/es manifestáronse este luns polo centro de Meira

Meira -

Ante a falta de avances e a ausencia de vontade negociadora por parte da empresa, os traballadores e as traballadoras de Leche Celta en Meira acordaron intensificar as medidas de presión e convocar folga de 24 horas o mércores, xoves e venres desta semana para esixir melloras salariais e laborais que permitan ter unhas condicións dignas.

Este mesmo luns, o persoal está desenvolvendo un paro de catro horas, que se vén sumar ás xornadas previas de folga realizadas nas últimas dúas semanas. Ademais, para mañá están previstos paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

Así mesmo, para dar maior visibilidade ao conflito, as traballadoras/es saíron hoxe en manifestación dende a planta de Leche Celta e percorreron o centro de Meira para rematar a mobilización cunha concentración diante da fábrica que se mantivo até ás 16 horas.

A empresa, sen vontade negociadora

Na xuntanza que o comité mantivo o pasado mércores coa dirección (e que se prolongou durante horas) non se produciu ningún avance substancial. "A pesar de irmos movendo posicións, constatamos a falta de flexibilidade da empresa, que non fixo ningún intento por achegar posturas", denuncia Christian López, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña. Neste senso, denuncia que as ofertas da dirección van encamiñadas a consolidar as enormes diferenzas que existen coas condicións que ten o persoal da planta de Pontedeume, polo que, "nesa tesitura, non hai posibilidades de acordo".

López Carmona criticou tamén as manobras da empresa para boicotear a convocatoria de folga, xa que está baixando a entrada de leite nas instalacións "coa intención de que mañá non entre nin un só litro na factoría". Porén, advertiu que a representación social non consentirá que se tente desvirtuar a folga e que as medidas de presión non van cesar até lograr un acordo que equipare as condicións económicas  e laborais deste persoal ás que teñen os compañeiros e compañeiras de Pontedeume.

Volver