O persoal de Irosa inicia paros laborais para esixir o cobro dos seus salarios

A empresa de lousa, situada en Valdeorras, ten pendente de pagar dúas nóminas completas e a metade doutra

A Coruña -

Os traballadores e traballadoras de Irosa (empresa de lousa de Valdeorras) iniciaron o pasado venres paros de media hora para esixir o cobro inmediato dos seus salarios. Nestes momentos, a empresa xa ten pendentes de abonar dúas nóminas completas, a metade doutra e unha paga extraordinaria.

A situación de atrasos no cobro dos salarios vense repetindo dende hai cinco anos e, a pesar da existencia dun calendario de pagos en 2015 para a posta ao día no abono das nóminas, a empresa non respectou os prazos.

Os paros de media hora, segundo explican dende a CIG de Valdeorras, repetiranse todos os venres até que a situación de pagos se regularice. Porén, dada o longo historial de incumprimentos da empresa, tampouco se descarta a convocatoria de accións máis contundentes.

Neste senso, a CIG-Valdeorras destaca o éxito do paro do venres pasado, realizado ao inicio da xornada laboral, no participou a maioría do cadro de persoal de Irosa.

Volver