O persoal de Industrias Losán intensifica a loita polo cobro de salarios e garantías de futuro
O persoal de Industrias Losán, con centros de traballo en Curtis, Vilasantar e na Coruña, está a intensificar a loita para reclamar o cobro dos seus salarios e demandar garantías de futuro para a empresa ante a práctica confirmación de que a oferta de compra por parte dunha compañía valenciana era unha fraude. De xeito que hoxe mobilizouse diante do SMAC ás 10:15 horas e na sede administrativa da empresa na cidade herculina ao mediodía.
Tanto a empresa como o persoal, que neste momento ten pendente de cobro as nóminas completas dos meses de outubro e novembro e a paga extraordinaria de Nadal, atópanse nunha situación límite. Polo que as persoas traballadoras decidiron reforzar o calendario de mobilizacións unha vez que case se confirmou que a venda da compañía era unha fraude, optando por desenvolver concentracións coincidindo co acto de conciliación do conflito colectivo contra o impago da revisión salarial, primeiro, e diante das oficinas da empresa, despois.
O presidente do comité, Xosé Anxo Sánchez Domínguez, da CIG, denuncia que a non presentación da empresa no SMAC, así como o feito de que a porta da sede estivese pechada, “demostra que a dirección deulle as costas ao persoal malia que se atopa nunha situación desesperada, polo que se demostra que esta loita é máis urxente e ca nunca”. Ao tempo que anuncia que os comités xa están instados a reunirse para convocar novas mobilizacións conxuntas polo futuro das fábricas de Curtis e Vilasantar e polas oficinas da Coruña, “dúas comarcas industrialmente deprimidas que ven como perigan os postos de traballo de case 200 persoas”.
O Grupo Losán, empresa familiar con orixe en Curtis (A Coruña), arrastra desde hai máis de dous anos unha situación económica “extremadamente grave”, tras recoñecer unha débeda superior aos 200 millóns de euros, tendo como principais acredoras a SEPI e a diversas entidades bancarias. “Desde entón, a empresa vive instalada nun proceso de reestruturación permanente que, lonxe de ofrecer solucións, está a ser pagado directamente polo persoal”, critican dende o comité de empresa.
Conflito colectivo e mobilizacións
Durante todo este proceso, son constantes os atrasos no cobro dos salarios, os pagamentos fraccionados e mesmo meses enteiros sen percibir nómina algunha. A isto súmase que en 2025 non se aplicou a actualización salarial do 3,4 % recollida no convenio colectivo de empresa, xerando aínda máis débeda co persoal.
A representación social mantivo múltiples reunións coa dirección exixindo respostas, solucións inmediatas e unha saída digna a esta situación, pero “non hai solucións á vista nin compromisos firmes a curto prazo”.
Ante a falta absoluta de avances e o abandono ao que está sometido, o persoal acordou en asemblea presentar un conflito colectivo contra o impago da revisión salarial e iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar o cobro de todas as cantidades pendentes e garantías na continuidade da actividade produtiva e dos empregos.