O cadro de persoal de Halago traslada as protestas contra o ERE á provincia de Ourense

Mobilizáronse nos Concellos de Verín e Oímbra, na nave da empresa e na casa familiar dos propietarios
Ourense - 27 Xan 2017

O cadro de persoal de Halago Alimentaria, empresa continuadora da planta de Panrico-Donuts no polígono santiagués do Tambre, trasladou hoxe as súas protestas contra o ERE á provincia de Ourense. Arredor dunhas 30 persoas desenvolveron concentracións diante dos Concellos de Verín e Oímbra e ás portas da nave da compañía e da casa familiar dos propietarios, situadas nesta última localidade.

Segundo explican dende o Unión Comarcal da CIG de Compostela, as protestas fan parte da campaña de mobilizacións que están a desenvolver os traballadores/as de Halago coincidindo co período de consultas dun ERE cuxa documentación “está ateigada de contas incongruentes, confusión patrimonial e xustificacións pintorescas como que os empregados/as cobran moito”. Diante disto, a representación sindical reclama que o administrador concursal actúe de xeito “claro e contundente” demandándolle á xuíza a nulidade do proceso.

Os afectados/as optaron por desprazarse hoxe até a provincia de Ourense no marco desta campaña de mobilizacións para concentrarse diante dos consistorios de Verín e Oímbra, onde entregaron sendos escritos explicando a situación da empresa e o estado de tramitación do ERE. A continuación, tamén nesta última localidade, protestaron ás portas dunha nave da empresa e da casa dos pais dos propietarios, que tamén son socios da compañía.

Nas mobilizacións participou a práctica totalidade do cadro de persoal, integrado por unhas 30 persoas, que estiveron acompañados/as por responsábeis sindicais da CIG e CCOO, as dúas centrais con representación na empresa de alimentación.