O persoal de Grupo Norte retomará a folga ante a falta de avances nas negociacións coa empresa

Intensifícase o conflito no servizo de emerxencias do 061 polo traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada

Santiago -

Os traballadores e traballadoras de Grupo Norte, que xestiona a Central de Coordinación do servizo de emerxencias do 061, retomarán a folga suspendida o pasado 10 de agosto, ante a falta de avances na negociacións coa empresa por mor das compensacións polo traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada. Na reunión, que durou apenas media hora, a empresa confirmou que non se ía mover da súa proposta inicial, moi afastada das reivindicacións do persoal.

Neste contexto, o comité viuse na obriga de abandonar a mesa de negociacións e, segundo o aprobado na asemblea de traballadores/as do pasado luns, proceder a reactivar a folga e a intensificar as medidas de presión co obxectivo de chegar a un acordo satisfactorio. Ademais, a representación do persoal tamén vai recorrer os servizos mínimos decretados por ser abusivos e vulnerar o dereito fundamental á folga.

A este respecto, o membro da Executiva Comarcal da Banca de Compostela da CIG, Renato Núñez, acusou a Grupo Norte de estar utilizando ao persoal en servizos mínimos para atender o teléfono de chamadas de consultas non urxentes, cando os/as traballadores/as en mínimos só poden atender as chamadas urxentes.

Deste xeito, recrúase o conflito laboral que se está a vivir na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, xa que ademais do paro na Central de Coordinación xestionado polo Grupo Norte, o persoal estatutario leva en folga indefinida dende o pasado 1 de agosto.

Concentración nas instalacións de San Marcos

Ambos colectivos continuaron este mércores coas mobilizacións para esixir compensacións xustas polo traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada. Como vén sendo habitual, o persoal desenvolveu unha concentración-manifestación arredor do edificio de San Marcos (o mesmo que ocupa a CRTVG) para esixir da Xunta e da empresa solucións inmediatas e unhas condicións xustas.

Dende a representación dos/as traballadores/as critican o desinterese do Goberno galego non mostre o máis mínimo interese por chegar a un acordo que permita desconvocar os paros, nin por garantir as condicións nas que se presta un servizo público de vital importancia. De feito, a Xunta vén de convocar a representación do persoal a unha xuntanza para o vindeiro 4 de setembro, máis de un mes despois de iniciada a folga.

Volver