O persoal de GFS concéntrase diante de Forestal del Atlántico en demanda do pagamento de todos os conceptos

A empresa pagou as nóminas do mes de xullo e a extra de verán nestes últimos días
Ferrol - 14 Ago 2023

Persoal de GFS concentrouse esta mañá diante da porta de Forestal del Atlántico, en Ferrol, para denunciar os constantes atrasos no pagamento das nóminas, nomeadamente da do mes de xullo, que acaba de ser aboada, así como a paga extra e reclamar o pagamento de todos os conceptos.

A CIG-Servizos de Ferrol denuncia os constantes incumprimentos e atrasos nos pagos das nóminas que sofren as traballadoras e traballadores de seguridade de Reganosa, Forestal del Atlántico e Gadisa que acaban de cobrar, aínda, a nómina do mes de xullo e máis a paga extraordinaria do verán. Por iso representantes do sindicato e persoal concentrábanse esta mañá para exixir unha solución a esta situación.

Segundo explica Fran Cartelle, a empresa segue adebedando conceptos e “non cumpre coa Lei de Seguridade Privada”, polo que entende que non debería estar “nesas instalacións críticas e, porén, está”. Apunta que hai unha Inspección de Seguridade Privada e que “é probable que esta empresa acabe desaparecendo de aquí”.

Subliña, con todo, que “a dinámica continúa” e que Jaime Villares, que considera o nexo de unión de todas as empresas que van vindo, e incumprindo, “segue aquí, non sabemos contratado como nin por quen, pero está aquí, en Forestal”. Por iso, afirma que “segue a haber empresas piratas, empresas que non cumpren, que son debedoras coa Seguridade Social”.

Neste sentido lembra que esta empresa adebeda á Seguridade Social máis de 3 millóns de euros e albisca, por iso, un mal comezo, como as anteriores.

Historial de impagos

Logo da saída de Prosetecnisa, que entrou en quebra, a entrada de GFS non solucionou en absoluto o problema, xa que os impagos continuaron e continúan, adebedando esta empresa o salario de xullo, así como a liquidación ao persoal.

Segundo explica a CIG-Servizos, o 1 de agosto entrou en substitución de GFS a empresa Norvik Security Services, empresa que é “reponsable solidaria destes impagos e que tampouco está a facerlles fronte”.

Esta empresa comezou a amosar as mesmas carencias que as anteriores, ao “nin sequera dotar ao persoal da uniformidade precisa”. Por iso a CIG-Servizos pregúntase “como é posible que o Grupo Tojeiro contrate outra empresa con problemas económicos”.

Para a central sindical resulta sorprendente que mentres Reganosa gaña mercado coa súa entrada no Porto de Musel, ou desenvolve proxectos industriais como a planta de metanol verde en Mugardos, o persoal de seguridade “está condenado a sufrir as condicións de empresas de seguridade que están a demostrar escasa solvencia”.

Toda a sucesión de empresas de seguridade problemáticas teñen, segundo a CIG-Servizos, un elemento en común, “a presenza de Jaime Villares, que semella ser o “conseguidor” de empresas de seguridade do Grupo Tojeiro”. Por iso, advirte, “mentres el o continúe a ser, moito nos tememos que a situación irá empeorando”.

Responsabilidade do grupo Tojeiro

Para a CIG-Servizos o Grupo Tojeiro ten a obriga de que as empresas que contrata cumpran coa Lei e cos traballadores/as dos seus cadros de persoal. “As traballadoras e traballadores de seguridade só está a exixir eso, o cumprimento da Lei, cobrar polo traballo realizado coa puntualidade debida e poder traballar en condicións dignas. Algo que entendemos o grupo Tojeiro tamén debería querer”.