O persoal do GES do Val Miñor mobilízase contra a precariedade laboral

Iniciaron un calendario de protestas para reclamar un convenio colectivo
Val Miñor - 02 Out 2017

O cadro de persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor comezou hoxe un calendario de mobilizacións para denunciar a precariedade laboral e reclamar un convenio colectivo que regule as condicións de traballo. As protestas inclúen concentracións nos mercadiños e diante das casas consistoriais de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Dende a CIG denuncian que o GES do Val Miñor carece dende hai dez anos dun convenio colectivo que regule os dereitos laborais do cadro de persoal, tendo que aturar unhas condicións salariais e materiais de absoluta precariedade. Así, critican que as nóminas rondan os 850 euros ao mes e que os vehículos que usan para desprazarse e para apagar o lume, así como as ferramentas utilizadas para a excarcelación de persoas, se atopan en mal estado.

Diante disto, optaron por convocar unha serie de protestas para reclamarlle á Mancomunidade que poña fin a esta situación. As mobilizacións comezaron esta mañá cunha concentración no mercadiño de Sabarís-Baiona, e está previsto que se prolonguen durante este mes.

O xoves día 5 acudirán ao Concello de Baiona ás 11:30 horas, mentres que pola tarde trasladaranse ao de Gondomar. Para o día 16 teñen previsto concentrarse de novo no mercadiño a partir das 10:30 horas, e o 25 farano no Concello de Nigrán ás 19:30 horas.