O persoal de Ferroatlántica segue coas mobilizacións para esixir avances na negociación do convenio

O persoal, que rexeita o acordo marco, concentrouse á porta da fábrica de Brens
Cee - 06 Xun 2018

Os traballadores e as traballadoras de Ferrroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas proseguiron hoxe co calendario de mobilizacións para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo do centro de traballo. O persoal concentrouse a última hora da mañá na porta da fábrica de Brens en resposta ás pretensións da empresa de impor o acordo marco asinado en Madrid entre Ferroglobe e as centrais sindicais UGT e CCOO.

Ese acordo, lembra Alfonso Mouzo, voceiro do comité, suporía un recorte nas condicións laborais e salariais actuais, pero ademais, non conta co respaldo do comité das fábricas de Cee e Dumbría, pasa por enriba da lexitimidade negociadora da representación do persoal "e o seu contido nin sequera foi consultado ou sometido a consideración dos centos de traballadores e traballadoras ás que afecta".

Mouzo sinalou que onte, martes, tivo lugar unha nova reunión da mesa de negociación "na que non se avanzou nada, agás o cambio de actitude da empresa, que agora di que estudará as nosas propostas e dará reposta na próxima xuntanza", prevista para este venres. 

O voceiro do comité destacou que este cambio de actitude débese as presións que están exercendo os traballadores e as traballadoras na defensa do seu convenio colectivo, dende o mesmo momento que se anunciou a negociación do acordo marco en Madrid. Así o próximo mércores, volveranse concentrar diante da fábrica de Cee e a partir de aí avaliaranse as accións a desenvolver en función de como avancen as conversas con Ferroatlántica.

Un acordo que non é de aplicación

A este respecto, Alfonso Mouzo aclara que aínda que o acordo marco estatal xa está publicado no BOE "non é de aplicación nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas, e a empresa sábeo, por iso non lle queda outra que sentar a negociar o convenio colectivo". Aínda así, a dirección tivo a ousadía de repartir a cada un dos traballadores e traballadoras, xunto coa nómina, unha copia do mencionado acordo. Para expresar o rexeitamento á actitude da dirección, na concentración realizada o pasado mércores procedeuse á queima do documento.

O voceiro do comité chama a seguir pelexando para que se respecte o dereito á negociación colectiva por parte do comité e porque permitir implantar o acordo marco "suporía que o seguinte convenio, no ano 2020, negociaríase directamente en Madrid coas centrais sindicais que nos venderon e a empresa podería aparecer cun recorte salarial ou das condicións sociais, a través dese marco, que nos teríamos que comer aquí tamén".  

Solicitude de reunións con Industria e Medio Ambiente

Por outra banda, informar que o comité ten solicitadas reunións coa Consellaría de Economía, Emprego e Industria e coa Consellaría de Medio Ambiente (departamento do que depende Augas de Galiza) para coñecer de primeira man en que fase se atopan os trámites para a autorización das tres novas centrais hidroeléctricas solicitadas por Ferroatlántica. Cómpre lembrar que a empresa anunciou publicamente un incremento do cadro de persoal con esas novas instalacións, pero lonxe de aumentar, a empresa esta reducindo o número de traballadores/as.