Persoal de Ferroatlántica retoma as protestas ante a teima da empresa de vender as centrais

O venres 13 haberá concentración na fábrica de Brens, ás 18:30 horas

Cee -

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas ten convocada para este venres, 13 de xaneiro, unha nova concentración diante da fábrica de Brens, a partir das 18:30 horas. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións acordado polas asembleas de traballadores/as ante a insistencia da empresa en vender as centrais hidroeléctricas, confirmadas pola reaparición na prensa de novas arredor de posíbeis fondos de investimentos interesados na adquisición das plantas de produción de enerxía.

"Resulta rechamante que o Grupo Villar Mir ligue a capacidade de inversións nas fábricas de Cee e Dumbría e a posta en marcha de novos proxectos á obtención de beneficios mediante a venda das centrais, cando de xeito simultáneo parece ter a capacidade económica suficiente para levar adiante o proxecto de construción da quinta torre do Paseo da Castellana de Madrid, cuns custes estimados superiores aos 300 millóns de euros", censura o Comité.

O Grupo Villar Mir liga a capacidade de inversión nas fábricas á obtención de beneficios pola venda das centrais, e ao tempo amosa capacidade económica suficiente para construír rañaceos en Madrid"

Neste contexto, non hai que perder de vista que, segundo os datos achegados pola empresa na última reunión co Comité (celebrada o 21 de decembro), a venda das centrais hidroeléctricas podería reportar ao Grupo Ferroatlántica centos de millóns de euros de beneficios. Porén, o paquete de inversións que formula nese suposto plan industrial para o período 2017-2021 so chega aos 55 millóns de euros, a repartir neses 5 anos.

"A desproporción entre os millonarios beneficios estimados pola empresa e as inversións anunciadas resulta obvia. Por iso, hai que se preguntar cales son os verdadeiros proxectos que pretende financiar o Grupo Villar Mir con esta operación especulativa e ilegal, por canto a empresa quere saltar a vinculación de actividades establecida na concesión administrativa para a explotación dos recursos hidráulicos", denuncia o Comité.

A empresa continúa co discurso da negociación do falso plan industrial

Por outra banda, a representación social lamenta que Ferroatlántica continúe "coa campaña de intoxicación mediática, facendo gala dunhas negociacións con comités e  centrais sindicais en relación ao falso e ilegal plan industrial que, cando menos, no caso do comité das fábricas e centrais da Costa da Morte non é posíbel".

A parte social defende todo o diálogo que sexa necesario para negociar un verdadeiro plan industrial para Cee e Dumbría, pero este ten que descansar sobre unha base previa clara e inequívoca: que a empresa respecta o actual marco legal e, polo tanto, desiste da venda das centrais e asume a non segregación das actividades.

Desfacerse das plantas hidroeléctricas significa descapitalizar e desmantelar os activos da empresa e na práctica facer deste plan industrial un verdadeiro plan de reconversión e desmantelamento das factorías. O financiamento para os novos proxectos industriais ten que acadarse sobre un plan plurianual asentado nas obrigadas reinversións en todas as actividades que o grupo explota no noso país e, polo tanto, sobre a non venda e segregación de actividades.

Volver