O persoal de Faurecia Escapes desconvoca a folga tras o acordo coa dirección que garante a carga de traballo e o emprego

O paro indefinido suspendérase unha vez que a empresa se amosou disposta a negociar

Vigo -

O persoal de Faurecia Escapes, empresa do sector do automóbil con sede en Vigo, decidiu esta mañá desconvocar finalmente a folga indefinida tras o acordo que garante a carga de traballo e o emprego na fábrica para os vindeiros anos. O paro indefinido, que non chegou a facerse efectivo, fora adiado unha vez que a dirección se amosou disposta a negociar coa representación dos traballadores/as.

O acordo final entre o comité e a compañía produciuse tras dúas 'maratonianas' xornadas de negociación e foi asinado esta mesma mañá no AGA pola parte social e a empresarial. Deste xeito, Faurecia Escapes garante que nos vindeiros anos haberá carga de traballo suficiente para manter o actual nivel de emprego na fábrica.

A decisión de convocar a folga adoptárase despois de que PSA Peugeot Citroën lle adxudicase a un competidor a fabricación dos sistemas de escape do novo proxecto K9 e tras comprobar que dende a dirección de Faurecia, coa que o comité mantivo catro xuntanzas, non se garantía a carga de traballo suficiente para manter o actual cadro de persoal nos vindeiros anos.

Mais o inicio do paro, previsto para o pasado martes, non se chegou a concretar xa que a empresa se amosou disposta a negociar e a medida de presión foi suspendida polo persoal. As partes mantiveron longas xuntanzas durante dúas xornadas que finalmente permitiron chegar a un acordo que fixo posíbel a desconvocatoria da folga.

Volver