O persoal de Farmacia do CHUAC inicia mobilizacións ante os graves problemas asistenciais e de seguridade

Concentráronse na rotonda de acceso ao CHUAC

A Coruña -

Persoal do servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (técnicas de farmacia, enfermeiras e celadoras) iniciou este venres un  calendario de mobilizacións, e que desenvolverá durante todo o mes de maio, para esixir solucións aos graves problemas asistencias e de seguridade que se rexistran neste servizo. Dende a Comisión de Centro de Especializada subliñan que o colectivo non descarta a convocatoria de folga se a Xerencia non atende as súas demandas.

Durante os últimos anos, explica a presidenta da Comisión, María Seijo (da CIG-Saúde), o servizo de Farmacia, ademais de dispensar a medicación a todas as unidades e servizos dos 4 hospitais do CHUAC, pasou a dispensala a 60 centros de saúde e a 11 PACs da área sanitaria da Coruña, a 23 centros de sociosanitarios, a 6 unidades de saúde mental, ao COF de Orillamar, ao 061, etc.

Porén, o grande incremento da actividade de Farmacia anos non levou parello un incremento proporcional de persoal. Como consecuencia dunha cada vez maior desproporción entre a demanda de actividade e o persoal para satisfacela, “tamén cada día son maiores os problemas asistenciais e de seguridade”.

Problemas que, explica Seijo, xa foron  postos en coñecemento da Xerencia en repetidas ocasións, “sen que se adoptaran medidas eficaces para solucionalos”.

Problemas asistenciais e de seguridade

Dende a Comisión de Centro sinalan que as as cargas de traballo son tan elevadas “que, a pesares de que o persoal da Farmacia traballa a un ritmo frenético, a medicación diaria pautada as/aos doentes está a chegar ao seu destino até con máis de dúas horas de atraso”. Especialmente grave é o atraso dos tratamentos de quimioterapia que se administran as/os pacientes oncolóxicas/os nos hospitais de día, “que ven alongada a súa estancia horas e horas á espera de recibir  o tratamento”.

Outro dos problemas que denuncian ten a ver coa existencia de fármacos mal envasados e/ou sen a identificación do número de lote e caducidade. Toda a medicación dispensada polo servizo de Farmacia, aclara Seijo, debería ir envasada en doses unitarias e debidamente identificada co número de lote e caducidade. “Mais, como non hai persoal técnico de Farmacia suficiente para facer esta tarefa, a diario envíanse fármacos sen o correcto envasado e identificación”, advirte. En concreto, subliña que ás residencias sociosanitarias e aos centro de saúde de atención primaria estase servindo deste xeito toda a medicación.

Falta de almacenamento seguro

Tamén hai problemas xerados pola falta de almacenamento seguro, pois para poder atender as necesidades dos centros e servizos, a cantidade de fármacos que se reciben diariamente multiplicouse considerabelmente nos últimos tempos. “A recepción e correcto almacenamento dos fármacos sufre a diario demoras considerábeis por falta de persoal para realizar esta tarefa. Tan considerábel que non é infrecuente que queden até dun día para outro sen recepcionar, amoreados fóra da farmacia sen ningún control nin garantía de seguridade”, alerta a Comisión de Centro.

Neste senso, consideran especialmente preocupante o atraso que afecta á medicación termolábil “que precisa dunha recepción e almacenaxe inmediatos para que non se produza  a rotura da cadea de frío que esixe a súa conservación, xa que por mor deste atraso podería quedar inservíbel para o seu uso, ocasionando perdas económicas importantes”.

Diante desta situación, a Comisión de Centro esixe da Xerencia o incremento urxente do cadro de persoal do servizos de Farmacia. “A Xerencia non pode seguir inhibíndose, como até agora, da súa responsabilidade no correcto, seguro e eficiente funcionamento dun servizo central e estrutural, clave para para toda a actividade asistencial da área sanitaria da Coruña”.

Volver