O persoal de Eroski-Familia irá á folga o sábado 20 de decembro en demanda de mellores condicións salariais e sociais
A CIG ten convocada unha xornada de folga para vindeiro sábado, 20 de decembro, en Vegalsa-Eroski para reclamar condicións salariais e laborais dignas e un reforzo dos cadros de persoal para poder afrontar a sobrecarga de traballo. A folga, de 24 horas, afecta as tendas Eroski (agás Eroski City que son franquías), Familia e Cash Record, aos centros loxísticos que o grupo empresarial ten na provincia da Coruña, así como ao Hipermercado Eroski de Ribadeo.
Mobilizacións no día da folga
Con motivo da xornada de folga, a CIG tamén ten convocadas ás 12:00 horas, as seguintes mobilizacións:
- A Coruña: manifestación dende o Eroski de Vioño (rúa Isaac Peral, 30)
- Compostela: concentración no Eroski da Choupana (rúa Volta do Castro)
- Ferrol: manifestación dende o Eroski da Gándara (Avda. do Mar, Narón)
Os peores salarios do sector e as xornadas máis longas
A decisión de ir á folga, explicaron Alejandra Formoso e Fernando Romero, representantes da CIG no comité, acordouse nas asembleas de traballadoras e traballadores ante a negativa da empresa a avanzar na equiparación das condicións salariais e sociais coas que xa están recollidas no convenio provincial do comercio de alimentación, e a negativa a realizar novas contratacións para afrontar a sobrecarga de traballo. “Somos as peor pagadas do sector e cada vez estannos empobrecendo máis”, aseveraron.
Formoso expuxo que o persoal de Vegalsa-Eroski cobra, de entrada, arredor de mil euros menos ao ano que o persoal regulado polo convenio provincial e as diferenza medran en función da antigüidade. Ademais, teñen que traballar dúas semanas máis ao ano, ao non computárselle como tempo efectivo de traballo os 15 de minutos de descanso durante a xornada laboral.
Até 2006, o persoal de Vegalsa-Eroski tamén estaba rexido polo convenio provincial (no que están compañías como Gadis ou Froiz) pero nese ano a empresa negociou en Madrid un convenio propio con condicións inferiores en todas as materias.
A esta precariedade súmase a sobrecarga de traballo continuada e esforzo que esta situación provoca “que fai que esteamos en máximos históricos de absentismo”. Porén, a pesar das reiteradas peticións para que se reforcen as tendas con novas contratacións e que se lle amplíen as xornadas as traballadoras e traballadores que están a tempo parcial, a empresa “mándalle facer a este persoal horas complementarias ao seu antollo e cando chegan ao tope legal que poden realizar por trimestre, seguen ordenando facer estas horas pero cambian o concepto na nómina”.
“Estas compañeiras e compañeiros viven na precariedade do tempo parcial e condenadas a ter traballo só en Eroski porque non teñen posibilidade de compaxinar con outro emprego”, criticou Formoso.
Avanzar na equiparación co convenio provincial de alimentación
Fernando Romero lembrou que durante o verán, a CIG xa desenvolveu un intenso calendario de mobilizacións e unha recollida de sinaturas entre o persoal con todas estas demandas sen obter resposta por parte da empresa.
“A partir de aí, apuntou, decidimos facer asembleas informativas en todos os centros e foron as compañeiras e compañeiros quen reclamaron ir a unha folga de 24 horas para reivindicar a equiparación salarial co convenio provincial, tanto en materia económica como nos beneficios sociais que contempla”. Indicou que se invitou ao resto dos sindicatos con presenza no comité a sumarse á convocatoria de folga “pero non obtivemos contestación”.
O delegado da CIG engadiu que neste tempo o único movemento da empresa consistiu en ofreceu un incremento salarial do 1,5% a maiores do 2% xa pactado por convenio, que xa é efectivo pero “que non constitúe unha suba real porque a aplican como un complemento absorbíbel que se desconta doutros complementos que xa temos en táboas ou dalgunha gratificación”.
Neste contexto, Formoso e Romero valoraron que “non nos deixan outro camiño que ir á mobilización” e non descartaron a convocatoria de novas xornadas de folga “porque a loita non remata o sábado, vai seguir até que a empresa nos escoite e academos o que estamos pedindo”.