Os traballadores/as de Costiña mobilizaranse polos continuos atrasos nos pagos

O persoal da compañía luguesa concretará as protestas tras o Nadal

A Mariña -

Os traballadores e traballadoras de Costiña S.L. veñen de acordar, en asemblea, o inicio de mobilizacións por mor das débedas e continuos atrasos nos pagamentos das nóminas. Unha situación que se repite desde hai dous anos e que está provocando serias dificultades económicas para as familias.

Segundo explican, a orixe do problema vén de cando, nun momento especialmente delicado, a empresa decidiu, unilateralmente, fraccionar o pagamento das nóminas en dúas veces. “Pero o que ía ser unha medida conxuntural e momentánea para facer fronte a ese delicado momento, estase convertendo nun costume rutineiro que leva demasiado tempo instalado sen que a empresa amose a máis mínima intención de retomar a normalidade nese senso”.

O comité de empresa denuncia que eses pagos fraccionados cada vez acumulan máis retraso de tal xeito que a primeira metade da nómina pásase ao redor do día 20 de cada mes, “impedindo  facer fronte ás obrigas con bancos, recibos de servizos domiciliados etc que non agardan nin entenden ningún tipo de situación por difícil que sexa”.

Lembran que o pasado mes de setembro, nunha reunión coa representación dos traballadores, a dirección da empresa comprometeuse a normalizar a situación dos pagos a partir do mes de xaneiro e mentres, de forma transitoria, abonar no que quedaba de ano a segunda parte da soldada de cada mes antes do día 25 do mes seguinte, ademais de dividir a extra de verán en catro prazos percibindo ese 25% da extra antes do día 8 de cada mes. 

Incumprimento dos prazos

Porén, aseguran que día hoxe “en ningún caso se cumpriron estes prazos cobrando o persoal a segunda metade da nómina de outubro nos primeiros días do mes de decembro e vendo como o que ían ser catro prazos dun 25% da extra de verán se converteron unilateralmente en 5 prazos dun 20%”. Ademais xa se lle adiantou ao comité de empresa que a promesa de normalizar pagos a partir de xaneiro non se ía poder cumprir, nin nas nóminas de cada mes nin na extra de Nadal que tamén se adebeda.

Xunto cos continuos retrasos nos pagos, as promesas incumpridas, e a incertidume de non saber cando se vai cobrar, “a día de hoxe a débeda elévase xa ao 60% da extra de verán, o 100% da extra de Nadal e o 50% da nómina de novembro polo que a situación dos traballadores comeza a ser insostible, nunhas datas ademais especialmente delicadas”, denuncian. E lembran tamén que o convenio colectivo de empresa leva sen negociarse dende 2014, polo que desde ese ano, de facto, o persoal xa viu conxelado o seu salario.

Para o comité de empresa resulta “curioso” que se estea producindo esta situación cando a empresa ten carga de traballo, “até o punto que está obrigando a traballadores a traballar en sábado e está contratando máis persoal sobre todo nun e noutro caso persoal de ETTs”.

Os/as representantes dos traballadores/as mantiveron xa en reiteradas ocasións contactos coa empresa para tratar de buscar unha solución sen que se vira ningunha vontade por parte da mesma para poñer fin a esta situación.

O comité de empresa explica que por isto víronse na obriga de convocar unha asamblea na que o cadro de persoal decidiu denunciar publicamente esta situación e iniciar mobilizacións que se concretarán e anunciarán unha vez rematen as festas de Nadal.

Volver