O persoal de Copo Galicia anuncia un calendario de mobilizacións por un pacto de empresa con melloras laborais

Desenvolverá concentracións diante do centro de traballo de Mos dende este mércores día 27 até o venres 5 de xuño
Mos - 26 Mai 2026

O cadro de persoal de Copo Galicia, compañía do sector da automoción con sede en Mos, vén de anunciar a posta en marcha dun calendario de mobilizacións para reclamar a negociación dun pacto de empresa que garanta unhas condicións de traballo dignas. As protestas terán lugar diante do centro de traballo dende este mércores día 27 até o venres 5 de xuño de 10:00 a 10:20 horas e de 18:00 a 18:20 horas, coincidindo co descanso do bocadillo.

Dende a CIG lembran que Copo Galicia é a filial de baixo custe do grupo e denuncian que a empresa vén utilizando a contratación por ETT de xeito fraudulento ao ocupar postos de traballo estruturais. “Tamén manteñen os salarios máis baixos do sector, con apenas 17.500 euros anuais (case 10.000 euros por debaixo da media do sector) e teñen a xornada máis alta da automoción”. 

A precariedade na empresa ten como base a fenda salarial e a desigual valoración do traballo feminino

Ao tempo que inciden en que a precariedade en Copo Galicia “ten como base a fenda salarial e a desigual valoración do traballo feminino” a pesar de que se trata de traballadoras especializadas que cosen a máquina para marcas de luxo como Ferrari. “Precisan dunha formación e experiencia superiores á do persoal operario de cadea, mais o feito de pertencer a un sector feminizado e pouco valorado condénaas a condicións e salarios moi inferiores ás dos seus compañeiros de grupo”.

Neste senso, o propio centro de traballo a empresa aplica dous convenios diferenciados segundo a sección na que traballan. No caso das mulleres aplícase o convenio da industria téxtil cun salario practicamente equiparado ao SMI, mentres que no caso do persoal masculino aplícase o salario da Industria Química, mantendo tamén o salario mínimo do sector de actividade.

A representación sindical leva moitos anos intentando mellorar as súas condicións pola vía da negociación sen obter movemento algún por parte da empresa, “que está a tirar ano tras anos beneficios a conta da precariedade das persoas traballadoras”. Polo que decidiron en asemblea apostar pola mobilización “até acadar as melloras que merecen”, optando por desenvolver concentracións na entrada do centro de traballo no tempo de descanso do bocadillo (de 10:00 a 10:20 horas e de 18:00 a 18:20 horas) dende este mércores día 27 até o 5 de xuño. “No caso de non obter neste tempo una avance real nas negociacións, a asemblea ten decidido xa intensificar as protestas coa convocatoria de xornadas de folga”.