O persoal de Clece, contrata da limpeza de Citroën, segue na loita contra os abusos e incumprimentos da empresa

Desenvolveu unha nova concentración diante da fábrica de automóbiles en Vigo
Vigo - 23 Xun 2017

O cadro de persoal de Clece, contrata da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, desenvolveu hoxe unha nova mobilización ás portas da empresa de automoción para rexeitar os "incumprimentos e abusos sistemáticos” da dirección de Clece contra os traballadores/as.

Coa protesta, que tivo lugar na entrada principal de Citroën de 12.30 a 14.30 horas, a representación sindical (CIG e CGT) quere denunciar aspectos como a vulneración de acordos acadados entre empregados/as e dirección; o incumprimento das condicións contractuais dos traballadores/as; a situación de insalubridade que presentan algunhas zonas de traballo; e o incumprimento de gamas de traballo.

Ao mesmo tempo, rexeitan o reparto de tarefas “inasumíbel”, así como o feito de que os procesos de incapacidade temporal provocados por accidentes laborais estean a ser derivados pola mutua ao servizo público de saúde.